Eladio Santos destaca a educación como ferramenta clave para previr a violencia contra as mulleres

O subdelegado do Goberno participou na presentación do libro “Vivas para contalo” no IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives
Educacion Guardia Civil
26 Mar 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou esta mañá que “a educación é a medida máis eficaz para evitar no futuro a violencia contra as mulleres”. Fíxoo durante a presentación do libro Vivas para contalo no IES Xermán Ancochea Quevedo, acompañado da xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Alida Iglesias.

O acto enmarcouse nunha sesión informativa do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, na que tamén participaron axentes da Garda Civil e que puxo o foco na loita contra a violencia machista.

A publicación presentada recolle 13 microrrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual, e 10 testemuños de profesionais que traballan con vítimas. Foi promovida pola Comisión de Seguimento das Vítimas de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Ourense.

Santos insistiu na necesidade da prevención: “As oficinas específicas de atención ás vítimas son fundamentais, pero o máis importante é educar e formar. Só así evitaremos no futuro a violencia contra as mulleres”, dixo. Ademais, dirixiuse ao alumnado para subliñar que “as relacións deben basearse no respecto e no cariño, e ningunha moza debe aceptar comportamentos violentos”.

A continuación, seis estudantes do instituto leron fragmentos do libro e participou todo o alumnado nun coloquio para reflexionar sobre as historias reais recollidas e abordar dúbidas, mitos e experiencias en torno á violencia de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.081250905990601