ELECTROFAUNA III converterá Bonaval nun gran pícnic cultural e natural esta fin de semana

O parque de Bonaval en Santiago de Compostela acollerá esta fin de semana a terceira edición do festival ELECTROFAUNA, unha cita que se presenta como un gran pícnic cultural para homenaxear á natureza a través da música, os obradoiros, as rutas e as actividades medioambientais. O evento celébrase o sábado 6 e domingo 7 de setembro, con entrada libre e programación para todos os públicos desde as 11.00 horas.
Baixo o lema “Electrofauna, a vibrante chamada do bosque como latexo creativo”, o proxecto conta co apoio económico da Concellaría de Capital Cultural e a colaboración de Cervezas Alhambra e Bodegas Lodeiros. A proposta busca poñer en valor o patrimonio verde da cidade, divulgar o coñecemento sobre a fauna e flora autóctonas e fomentar a creatividade coa natureza como fonte de inspiración.
A programación musical inclúe nomes como Salvar Doñana, banda formada por exintegrantes de Califato ¾; Castora Herz & La Quadrilla, que mesturan electrónica e ritmos tradicionais; a valenciana Manii Dii, o proxecto galego Aborigen, Meiga-i e sesións de DJ a cargo de Mr. Fishman, DJ Rapante e DJ Daasanach.
No apartado artesanal e creativo, destaca a participación de Julia de la Cal – La Parabólica, recoñecida cesteira premiada en Galicia e finalista dos Premios Nacionais de Artesanía, que impartirá obradoiros de acubillos de vimbio e máscaras de fibras vexetais grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia. Tamén haberá obradoiros de movemento creativo organizados pola Asociación BStudio Danza, así como unha demostración de máscaras follateiras da man da Asociación Cultural Follateiros/as de Lobios.
Ademais, o festival programa roteiros guiados ata o parque Berce do Sar, unha saída nocturna para descubrir a fauna compostelá e unha electrocharla sobre flora e fauna autóctonas e retos medioambientais de Galicia.
Todas as actividades serán abertas e gratuítas ata cubrir capacidade, ofrecendo á cidadanía unha fin de semana de convivencia, natureza e cultura no corazón de Compostela.