Elena Espinosa: “Rueda pode dicir o que queira, pero hoxe en Galicia hai mulleres parindo sen auga quente”

Elena Espinosa denuncia que a sanidade pública galega sofre unha situación insostible no verán, con centros sen persoal e partos en Ourense sen condicións hixiénicas. Critica a negativa do PP a garantir por lei unha cita co médico en 48 horas.
Elena Espinosa
16 Jul 2025

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, alertou este luns da grave situación da sanidade pública galega durante o verán e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de inacción fronte a unha realidade “insostible” tanto para profesionais como para pacientes.

“Rueda pode dicir o que queira, pero hoxe en Galicia hai mulleres parindo sen auga quente”, denunciou Espinosa, facendo referencia ao traslado do servizo de partos do hospital de Ourense a un espazo provisional sen as mínimas condicións hixiénico-sanitarias, sen privacidade, equipamento axeitado nin duchas dispoñibles para as mulleres atendidas.

A deputada lamentou que o Partido Popular rexeitase no Parlamento galego a proposta do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para garantir por lei unha cita co médico de familia nun prazo máximo de 48 horas. “Non se trata dunha medida extraordinaria, senón dun compromiso básico coa atención primaria que o PP rexeita sistematicamente”, subliñou.

Espinosa enumerou situacións críticas que se repiten en distintos puntos do país: no centro de saúde Pintor Colmeiro de Vigo non hai médicos polas tardes e as citas derivan directamente ao PAC; no Salnés, os centros funcionan sen pediatras nin reforzos, con unha ambulancia medicalizada compartida, como cada verán; en Cervo só queda unha médica con horario reducido; e no Barbanza increméntase a presión asistencial mentres mingua o número de profesionais.

“Estes son só algúns exemplos do que pasa cada día en moitos centros de saúde de Galicia. A Xunta está instalada no negacionismo mentres a sanidade pública se deteriora sen freo. Nin o presidente nin o conselleiro asumen a súa responsabilidade nin toman medidas”, concluíu a deputada, asegurando que “a sanidade non se defende con discursos, senón con feitos, con persoal, con planificación e con recursos públicos”.

⚙ Configurar cookies
0.27285981178284