En marcha a campaña “Eu Ensino en Galego” para reverter os efectos de 15 anos de políticas lingüicidas

A CIG-Ensino puxo en marcha a campaña “Eu Ensino en Galego”, que pretende implicar ao profesorado como axente activo de normalización lingüística tanto co alumnado como coas familias. A central sindical aposta por visibilizar o uso do galego na docencia e nas relacións escolares como paso imprescindible para reverter a perda de uso da lingua entre a mocidade.
A presentación tivo lugar este mércores en Compostela coa secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, a responsábel de Formación, Ana Rodiño, e a docente de Lingua Sofía Rama, autora da Guía de actualización do Proxecto Lingüístico de Centro (PLC). A campaña inclúe chapas, adhesivos, calendarios e materiais dixitais, ademais dun documento de apoio á renovación dos PLC que deben revisar todos os centros cada catro anos.
Crítica ao Decreto do Plurilingüismo
Arroxo denunciou que, tras 15 anos de aplicación do Decreto do Plurilingüismo, “unha xeración enteira saíu do sistema educativo sen dominar a nosa lingua”. Asegurou que moitas das persoas que agora se incorporan ao ensino como docentes deixaron de recibir materias como Matemáticas en galego con só 9 anos.
Pola súa banda, Rodiño destacou que a campaña tamén inclúe unha vertente de denuncia, visibilizada co cartaz 15 anos de (Des)creto. “O resultado foi un desmantelamento do galego no ensino, especialmente en infantil das cidades e na Formación Profesional”, indicou.
Segundo os datos do IGE, por primeira vez o galego sitúase como lingua menos falada en Galicia: un 46% fronte ao 53% do castelán. Entre a poboación de 5 a 14 anos apenas un 16% fala galego, a metade que en 2008.
Chamamento ao profesorado
A CIG-Ensino insiste en que só coa implicación activa do profesorado se poderá reverter a situación. O sindicato anima a empregar o galego en todas as interaccións docentes —nas aulas, nas actividades extraescolares, na comunicación con familias e administración— e tamén no ámbito dixital.
“Esta campaña é unha ferramenta máis para que o profesorado visibilice o seu compromiso, igual que o Proxecto Lingüístico de Centro debe ser un recurso vivo e eficaz para a normalización”, explicou Sofía Rama. A guía elaborada pola CIG-Ensino propón que o galego sexa a lingua de acollida do alumnado migrante e que se reforce o seu uso en contextos maioritariamente castelán falantes.