‘Encantos en Compostela’ volve encher Santiago de maxia do 10 ao 12 de outubro

Santiago volverá converterse nun espazo de ilusión coa segunda edición do festival de maxia ‘Encantos en Compostela’, que se celebrará do 10 ao 12 de outubro e incluirá máis de quince actividades en distintos espazos da cidade e das súas parroquias.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou a programación acompañada polos responsables do proxecto, Sara Rodríguez, Óscar Fernández e Eloy Fernández. Louzao lembrou que esta proposta é unha das beneficiarias das axudas municipais ao sector profesional, coa finalidade de diversificar a programación cultural e estimular o tecido local.
O festival medra en extensión e accesibilidade, saíndo do centro histórico e achegándose aos barrios. Ademais, incorpora unha forte dimensión solidaria con actuacións no Hospital Clínico Universitario e en varias residencias de maiores.
Nesta segunda edición, ‘Encantos en Compostela’ dá un salto internacional coa presenza de artistas recoñecidos como o alemán Axel Hecklau, especialista en maxia de cerca, e o español Gonzalo Albiñana, gañador do Gran Premio Extraordinario de Maxia 2023. O festival tamén reforza a aposta polo talento galego con nomes como Samuel Moreno, Eloy Fernández, Iago Saavedra, Óscar Fernández e Sara Rodríguez.
As propostas inclúen espectáculos familiares, maxia participativa e maxia de cerca, que se celebrarán en espazos íntimos grazas á colaboración co programa local Habelas Hainas e a asociación Compostela Máxica. As funcións solidarias e de acceso libre completan unha programación que quere achegar a maxia a toda a cidadanía.
‘Encantos en Compostela’ é unha iniciativa da compañía Magia en la Manga co apoio do Concello de Santiago, que se consolida como referente cultural tras a súa estrea en 2024. Toda a información de horarios e reservas está dispoñible en encantosencompostela.com
.