Ensaian en Castroverde e Baleira a resposta ante un gran incendio forestal

A Xunta de Galicia organizou un simulacro de incendio forestal entre os concellos de Castroverde e Baleira co obxectivo de poñer a proba o operativo de emerxencias na provincia de Lugo. O exercicio buscaba avaliar a capacidade de resposta coordinada das administracións, servizos de emerxencia, grupos de intervención e corpos de seguridade implicados neste tipo de situacións.
Durante a actividade simulouse a activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia, coñecido como Peifoga, debido a un incendio ficticio iniciado en Peredo, na parroquia de Frairía, en Castroverde, con posible afectación tanto a superficie forestal como a núcleos de poboación deste municipio e tamén de Baleira.
O simulacro obrigou á constitución dos centros de mando e control previstos no Peifoga, entre eles o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), un Posto de Mando Avanzado situado na área recreativa da Veiga do Olmo, en Castroverde, e dous Puntos de Recepción de Medios, un en cada concello, coordinados por persoal da Consellería do Medio Rural.
O exercicio iniciou ás 10.00 horas coa alerta do incendio e coa chegada dos primeiros efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta. Posteriormente, ante o risco para a poboación, declarouse a situación operativa 2 do Peifoga e constituíuse o Posto de Mando Avanzado.
Ao longo da mañá mobilizáronse distintos grupos de intervención, forzas de seguridade, servizos sanitarios e medios materiais. Tamén se puxeron en práctica medidas de protección á cidadanía, como o confinamento, a evacuación ou o afastamento das zonas afectadas polo lume.
Así mesmo, ensaiouse a coordinación dos operativos ante a hipotética necesidade de cortar varios treitos da estrada LU-530 e do Camiño de Santiago. O simulacro incluíu ademais a atención médica a un traballador ferido durante as tarefas de extinción. Unha vez estabilizado o incendio ficticio, desactivouse a situación 2 e os medios continuaron traballando ata dar por finalizado o operativo arredor das 13,00 horas.
Na actividade participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; técnicos e axentes forestais e medioambientais, distintas unidades de loita contra incendios da Xunta e o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Sarria.
No operativo sanitario, loxístico e de seguridade, coordinado polo Servizo de Emerxencias de Lugo, colaboraron tamén a Unidade da Policía Nacional Adscrita a Galicia, a Garda Civil, o 061, os concellos de Baleira e Castroverde, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Baleira, a Federación de AVPC, a Axencia Galega de Emerxencias e Cruz Vermella.
Os centros de mando e control contaron ademais con representantes das consellerías do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Deportes, da Subdelegación do Goberno, das entidades locais afectadas e do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, entre outros organismos implicados no operativo.