Entidades ecoloxistas esixen en Pontevea a suspensión dun concurso de pesca de salmón no río Ulla

Varias entidades ecoloxistas concentráronse este sábado na Ponte Medieval de Pontevea para reclamar á Xunta de Galicia a suspensión inmediata do concurso de pesca de salmón autorizado para este domingo, 10 de maio, no río Ulla.
Entre as organizacións participantes figuraron ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva, Plataforma Ulloa Viva, Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non.
Durante a mobilización, as persoas asistentes despregaron unha faixa coa mensaxe 'Salmón vivo, Ulla vivo!' e lanzaron consignas en defensa da protección da especie e do ecosistema fluvial. As entidades advertiron do risco que suporía o certame para exemplares reprodutores de salmón atlántico, unha especie que consideran ao bordo da extinción, e cualificaron a súa captura como unha perda irreparable en termos ecolóxicos.
No manifesto lido ao remate do acto, as organizacións alertaron de que a celebración do concurso podería implicar a morte de exemplares clave para a supervivencia da especie e insistiron en que, nas actuais condicións, cada salmón representa un valor xenético esencial. Tamén cualificaron de insuficientes as medidas da administración autonómica e criticaron a negativa da Consellería de Medio Ambiente a adoptar medidas cautelares, malia estar en tramitación a posible catalogación do salmón atlántico como especie en perigo de extinción en Galicia.
As entidades solicitaron á Xunta que atenda os criterios científicos e suspenda o permiso de pesca, ao tempo que apelaron á responsabilidade das sociedades participantes para que renuncien voluntariamente á captura.
Finalmente, lembraron que segue activa a campaña de recollida de sinaturas #AlertaSalmónGalego, coa que buscan a inclusión do salmón atlántico no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e a posta en marcha dun plan de recuperación específico para a especie.