Entidades ecoloxistas urxen á Xunta a catalogar o salmón atlántico como «En perigo de extinción»

As organizacións reclaman que Galicia apoie a inclusión da especie no Catálogo Español de Especies Ameazadas e que avance tamén na súa protección a nivel autonómico
salmon-atlantico
24 Sep 2026

ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Ecoloxista Galega (FEG), Asociación Lobo, A Ulla Viva, Plataforma Ulloa Viva, PDRA e a Plataforma Mina Touro-O Pino Non urxen á Xunta a avanzar na protección do salmón atlántico en Galicia e apoiar a súa catalogación como «En perigo de extinción», tanto a nivel estatal como galego.

A petición chega despois de que o Comité Científico do Ministerio validase a proposta para incluír a especie no Catálogo Español de Especies Ameazadas. Segundo o informe deste órgano, que asesora o Executivo estatal e as comunidades autónomas en materia de conservación de especies silvestres, o salmón atlántico cumpre os criterios científicos para recibir o máximo nivel de protección no Estado, debido ao seu estado crítico, á redución da súa área de distribución e ao tamaño actual das súas poboacións.

O ditame será trasladado agora ás comunidades autónomas para a súa valoración, polo que as entidades ecoloxistas consideran determinante a posición da Xunta. Neste sentido, reclaman que o Goberno galego apoie a catalogación estatal e avance tamén na inclusión do salmón no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como «En perigo de extinción».

As organizacións lembran que o pasado mes de febreiro ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, FEG e SGHN solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente a inclusión do salmón atlántico no catálogo galego. A petición contou co apoio de máis de 3.000 sinaturas recollidas no marco da campaña «Alerta Salmón Galego» e, segundo as entidades, aínda non recibiu resposta.

As ecoloxistas consideran que non é suficiente con prohibir a pesca do salmón, medida vixente en Galicia durante este ano, agás no Campionato de Pesca de Salmón da Estrada, senón que é necesario impulsar actuacións destinadas á recuperación e conservación da especie.

Segundo sinalan, a catalogación como «En perigo de extinción» obrigaría a Administración galega a prohibir a pesca do salmón e a elaborar un plan específico de recuperación, con medidas para restaurar os hábitats, mellorar a conectividade fluvial e garantir o seguimento científico da especie.

Unha redución de máis do 80% desde os anos setenta

As entidades ecoloxistas alertan do deterioro das poboacións de salmón atlántico en Galicia. Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España, elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica en 2021, as poboacións galegas reducíronse máis dun 80% desde a década de 1970.

Ademais, a presenza reprodutora da especie pasou de rexistrarse en máis de 20 ríos históricos a menos de oito na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas.

No sistema do Ulla, por exemplo, apenas se rexistran arredor de 50 exemplares reprodutores, unha cifra que, segundo as organizacións, se sitúa moi por baixo do limiar considerado viable a medio prazo. Os estudos recentes aos que fan referencia tamén prevén un novo descenso do 30 ao 50% das poboacións do sur de Europa nas próximas décadas, asociado ao aumento das temperaturas e aos cambios na produtividade mariña.

As entidades sinalan ademais a degradación dos hábitats fluviais e mariños, vinculada a factores como o cambio climático, as verteduras e a actividade mineira, así como as barreiras á migración provocadas por presas, azudes e centrais hidroeléctricas que non foron suficientemente restauradas.

As organizacións consideran que a desaparición do salmón atlántico de Galicia suporía unha importante perda tanto desde o punto de vista ecolóxico como patrimonial.

0.35162997245789