Entre 400 e 500 persoas concéntranse en Redondela contra a aprobación ambiental da macrocelulosa ALTRI

O colectivo ArteLixo denuncia a complicidade política e chama a unha gran mobilización en Galicia
Altri
17 Mar 2025

Entre 400 e 500 persoas, convocadas polo colectivo ArteLixo xunto a outras entidades de Redondela, concentráronse este domingo ás 12:00 horas diante do Concello de Redondela para mostrar o seu rexeitamento á recente aprobación por parte da Xunta de Galicia da Declaración de Impacto Ambiental da macrocelulosa ALTRI.

Desde ArteLixo consideran que son necesarias accións máis contundentes e numerosas para que os políticos responsables sintan ameazados os seus postos debido á súa complicidade con este ecocidio e a irreparable catástrofe que suporía para a natureza e a vida na Galiza. Sen embargo, destacan que, a pesar da inmediatez da convocatoria e a escasa difusión mediática, limitada practicamente ao boca a boca e mensaxes persoais, a participación evidencia a preocupación e o rexeitamento dunha gran parte da sociedade redondelá ante a implantación desta macrocelulosa e a conivencia da Xunta. Tras a perda de credibilidade na administración galega, os asistentes expresaron a súa determinación para impulsar unha gran mobilización en toda Galicia que impida a instalación de ALTRI e derrube ao goberno e aos políticos cómplices.

Denuncian cambios normativos para beneficiar a ALTRI

Na rolda de intervencións, en primeiro lugar, leuse o manifesto común a todas as convocatorias de Galiza, elaborado pola Plataforma Ulloa Viva, no que se denunciou que, a nivel administrativo, as normas foron axeitándose para garantir que o proxecto saíse adiante a toda costa. "No caso de ALTRI, non son os proxectos os que deben axustarse ás normativas ou estratexias, senón xusto ao contrario: múdanse as leis ou plans para axustalos aos intereses de ALTRI", revelou o manifesto.

A continuación, deuse lectura ao manifesto de ArteLixo, no que se destacaron os graves impactos ecolóxicos que supuxo ENCE para a ría de Pontevedra e a expansión do eucalipto en toda Galicia, advertindo que ALTRI sería unha celulosa moito maior e aínda máis devastadora. Tamén denunciaron o lobby económico-político que respalda este proxecto, sinalando que a empresa Acento Public Affairs, dirixida polos exministros José Blanco (PSOE) e Alfonso Alonso (PP), foi a encargada de tramitar o proxecto perante as administracións españolas. “Este lobby logrou que a Xunta de Galicia seleccionase o proxecto de ALTRI como unha iniciativa susceptible de financiamento con fondos Next Generation da UE, podendo recibir máis de 250 millóns de euros de diñeiro público, o 30% do investimento inicial, tras declarálo proxecto estratéxico e de utilidade pública para Galicia”, sinalaron.

Apoio institucional contra a macrocelulosa

Tras a lectura dos manifestos, abriuse unha rolda de intervencións a micrófono aberto, na que participaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o concelleiro do BNG Xoán Carlos González e o concelleiro de sustentabilidade Roberto Villar, do grupo municipal AER, quen expresaron o seu rexeitamento á macrocelulosa e á súa aprobación ambiental por parte da Xunta. Finalmente, interviu unha representante da plataforma Ulloa Viva, quen realizou unha improvisada e sentida alegación contra o proxecto.

Durante toda a concentración, fíxose un chamamento a participar na manifestación convocada para o próximo sábado 22 de marzo ás 12:00 na Pobra do Caramiñal.

⚙ Configurar cookies
0.096246004104614