Enxeñeiros forestais rexeitan facer gardas voluntarias en outubro e alertan de que non haberá dirección técnica nos incendios

Apenfoga asegura que o 90% do persoal dos distritos galegos e o 95% en Ourense secundará a protesta polas súas reivindicacións laborais
incendios-bombeiros-forestais-galicia
30 Sep 2026

A Asociación Profesional de Enxeñería Forestal (Apenfoga) anunciou que a maior parte dos enxeñeiros forestais dos distritos de Galicia non realizará as gardas voluntarias previstas entre o 1 e o 15 de outubro, coincidindo coa prolongación do período de alto risco de incendios decretado pola Consellería do Medio Rural. Segundo a organización, o 90% dos profesionais apoia a medida, unha porcentaxe que ascende ao 95% na provincia de Ourense.

A asociación advirte de que esta decisión pode deixar os incendios forestais "sen coordinación nin dirección técnica" durante esas dúas semanas. A protesta responde, segundo Apenfoga, ao malestar acumulado entre o colectivo polas condicións laborais e pola falta de avances nas súas principais reivindicacións ante a Xunta.

Os enxeñeiros forestais teñen establecido no seu acordo de traballo un período de catro meses de gardas obrigatorias, que remata este mércores, 30 de setembro. A Consellería do Medio Rural solicitou ao persoal que prolongase voluntariamente este período durante a primeira quincena de outubro, unha petición que, segundo Apenfoga, non será atendida de maneira maioritaria.

A organización lembra que o acordo que regula as condicións de traballo do colectivo data de 2008 e só incorporou pequenas modificacións nos anos 2019 e 2021. Ao seu xuízo, o marco laboral continúa sen adaptarse aos novos escenarios derivados da evolución dos incendios forestais.

Un dos principais puntos de conflito sitúase no recoñecemento dos coeficientes reductores que permitirían ao persoal acollerse á xubilación anticipada. Apenfoga acusa a Xunta de non recoñecer este dereito e de derivar a cuestión cara ao Goberno central, o que, segundo a asociación, obriga os profesionais a iniciar procedementos xudiciais para que se recoñezan funcións que desenvolven cada campaña.

Neste sentido, a entidade asegura que os enxeñeiros participan na coordinación do dispositivo de prevención e extinción dos incendios forestais e na dirección técnica dos incendios de maior complexidade. A asociación critica que estas funcións non sexan certificadas pola Administración para efectos do recoñecemento dos coeficientes reductores.

Apenfoga sinala ademais que esta cuestión foi abordada en sede xudicial e afirma que nun destes procedementos unha representante da Xunta defendeu que a actividade do persoal encargado da coordinación e da dirección técnica se limita ao desempeño de funcións administrativas. A asociación considera esta posición incompatible co traballo que realizan durante as campañas de incendios.

Segundo a organización profesional, todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego, incluído o PP, recoñeceron o labor desenvolvido por este persoal. Por este motivo, reclama á Consellería do Medio Rural que proceda a certificar as funcións para facilitar o acceso aos coeficientes redutores.

A protesta chega despois da reunión mantida o pasado 24 de setembro entre o colectivo e a Consellería do Medio Rural. Segundo Apenfoga, o departamento autonómico limitouse a anunciar a apertura dunha negociación unha vez rematada a época de alto risco, previsiblemente a finais de outubro ou durante o mes de novembro.

A asociación critica que nese encontro non se concretase ningún acordo sobre os coeficientes reductores nin sobre as condicións de traballo, e tampouco se establecese un calendario para abordar as negociacións. Ante esta situación, o colectivo decidiu non asumir voluntariamente a prolongación das gardas durante os primeiros quince días de outubro.

0.34073209762573