Ernest Urtasun anuncia en Santiago a creación dunha farmacéutica 100% pública vinculada á USC

Fronte Ampla celebrou en Santiago de Compostela o acto "A Fronte Ampla: preparadas para gobernar!", que contou coa participación do ministro Ernest Urtasun.
O encontro tivo lugar no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia e reuniu tamén a candidatos de Fronte Ampla como Paulo Carlos López, Rocío Núñez, Gloria Alonso, Paula González e Xosé Lois Piñeiro. Durante a intervención, a candidatura debullou unha das propostas centrais do seu programa en materia sanitaria e industrial, ademais de facer balance do debate electoral celebrado esta mesma mañá na Televisión de Galicia (TVG).
Con respecto a isto último, o portavoz Paulo López sinalou que, malia non compartir a decisión de programar o debate ás 09:30 horas —unha franxa horaria na que a cidadanía consome menos medios de comunicación—, fi xo unha valoración positiva do seu desenvolvemento xeral.
López destacou que o debate puxo de manifesto o nerviosismo dun Partido Popular que considera que "está caendo en picado". Neste sentido, criticou o papel do representante popular, o señor Conde, a quen acusou de ser "incapaz de defender e achegar ningunha proposta concreta para solucionar o problema da vivenda". Así mesmo, tamén criticou que eludise a súa responsabilidade sobre a transferencia da AP-9 e que evitase sinalar as causas que están a provocar o encarecemento do custo da vida para as familias galegas.
No que respecta ao programa, o acto desta tarde centrouse nunha das medidas do programa de Fronte Ampla, que contou co apoio expreso de Ernest Urtasun: a creación dunha empresa farmacéutica estatal 100% pública con sede e capacidade produtiva en Santiago de Compostela.
O proxecto concíbese en estreita colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de orientar a investigación pública cara ao desenvolvemento de tratamentos accesibles. Segundo explicou a formación, esta factoría pública centrarase na fabricación de medicamentos esenciais que actualmente sofren problemas de subministración ou que resultan de escaso interese comercial para a industria privada.
Con esta iniciativa, Fronte Ampla busca garantir a soberanía sanitaria e o acceso aos fármacos ao tempo que se impulsa a creación de emprego científi co e industrial de alto valor engadido na capital de Galicia.