Esgotado en 60 horas o Bono Turístico da Xunta

O Bono Turístico da Xunta esgotouse en apenas 60 horas, segundo informou o Goberno galego. Esta iniciativa, que mobiliza 2,5 millóns de euros no sector turístico galego, puxo en circulación un total de 16.666 bonos que foron adquiridos rapidamente polo público desde a súa apertura na web www.bonoturismo.gal.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou este dato como “unha perfecta mostra de que a medida foi un acerto”, lembrando que naceu “en circunstancias diferentes, cando era necesario incentivar o turismo”. Destacou que, mesmo fóra da tempada alta, esta fórmula permite manter a actividade turística en Galicia grazas á participación da cidadanía galega.
Cada bono ten un valor de 150 euros, dos cales a Xunta achega o 40 % (60 euros) e a persoa usuaria o 60 % restante (90 euros). Poderán empregarse entre o 15 de setembro e o 25 de decembro deste ano, co obxectivo de promover a desestacionalización do turismo e a redistribución da actividade ao longo do ano.
A iniciativa conta xa con 271 empresas e establecementos adheridos, número que poderá aumentar ata o 1 de decembro. Poden participar aquelas entidades do sector turístico con centro de traballo en Galicia e rexistradas no REAT.
Turismo de Galicia achega 1 millón de euros a esta acción, que mobiliza un total de 2,5 millóns en gasto directo no sector, consolidando esta ferramenta como un motor de impulso económico e fidelización de viaxeiros na comunidade.