Espinosa: “A dixitalización non pode ser a coartada do conselleiro para non falar do caos na sanidade real”

A deputada do PSdeG, Elena Espinosa, reprochoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que utilice a dixitalización como “coartada” para evitar falar dos problemas reais da sanidade pública galega, como a dificultade para acceder á atención primaria, as listas de espera ou o colapso dos servizos hospitalarios.
Durante a comparecencia en comisión da secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, para informar sobre a dixitalización do Sergas, Espinosa recoñeceu que as novas tecnoloxías poden ser ferramentas útiles, pero advertiu de que “á xente non lle preocupa a dixitalización, preocúpalle que non a atendan”.
Segundo explicou, hai persoas que levan meses esperando por unha proba diagnóstica, unha intervención cirúrxica ou mesmo por entrar nunha lista de espera, unha realidade que, ao seu xuízo, non pode quedar agochada detrás dun discurso tecnolóxico.
A deputada socialista criticou que a intervención da representante da Consellería se centrase exclusivamente nos avances dixitais sen abordar os problemas estruturais do sistema sanitario galego. “Se non se fala de atención primaria, de saúde mental, da falta de persoal ou das urxencias saturadas, a Xunta está a esquivar o debate que realmente lle importa á cidadanía”, sinalou.
Espinosa defendeu que a dixitalización non pode ser un fin en si mesma, senón unha ferramenta ao servizo dunha sanidade pública que funcione mellor. Nese sentido, alertou de que non pode supoñer deshumanización nin recortes da atención presencial, nin trasladar a carga do sistema aos profesionais sanitarios, á poboación do rural con problemas de cobertura ou ás persoas con máis dificultades no uso das ferramentas dixitais.
“A tecnoloxía ten que servir para achegar a sanidade á xente, non para afastala”, afirmou, insistindo en que as solucións dixitais deben complementar a atención presencial, non substituíla cando é necesaria.
A parlamentaria do PSdeG reclamou tamén que a dixitalización sirva para liberar tempo asistencial aos profesionais e non para engadir máis burocracia, así como formación suficiente, investimento real en infraestruturas e garantías claras na protección dos datos persoais.
Por último, Espinosa lamentou que non se fixese ningunha referencia ás achegas do Goberno de España á dixitalización da sanidade galega e lembrou que Galicia contará con 9,3 millóns de euros adicionais a través do programa de Servizos Dixitais Intelixentes, financiado con fondos FEDER. “Agora o importante é que a Xunta saiba aproveitar estes recursos e que a dixitalización sirva para reforzar o sistema público, non para tapar as súas carencias”, concluíu.