Espinosa acusa á Xunta de non garantir unha atención sanitaria digna e de manipular as listas de espera

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, criticou que a Xunta é “incapaz de garantir unha atención sanitaria digna”, asegurando que o Goberno galego levou o sistema ao “colapso”. Espinosa interveu no Pleno durante o debate dunha moción que instaba ao Executivo a facer públicas as listas de espera reais e reforzar o persoal de Atención Primaria, iniciativa que finalmente foi rexeitada polo PP.
A deputada responsabilizou ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade de manterse “instalados nas promesas baleiras, na autocompracencia e na manipulación das cifras”, priorizando “a cosmética sobre as solucións reais” e actuando sen unha planificación efectiva. Lembrou que, desde que Alfonso Rueda prometeu en 2023 reducir as listas de espera, “os resultados foron nulos”.
Espinosa acusou á Consellería de recorrer a “argucias estatísticas”, dividindo aos pacientes entre listas de espera “estruturais e non estruturais” para excluír parte deles do cómputo oficial. Un método que, ao seu xuízo, busca “maquillar” a realidade que viven os usuarios: “chamar ao Sergas e non aparecer na lista de espera é entrar nun labirinto sen saída”.
Reforzo da Atención Primaria
A parlamentaria socialista insistiu na necesidade de reforzar a Atención Primaria cun modelo multidisciplinar, incorporando novos profesionais e ampliando categorías especializadas. Defendeu que este ámbito debe ser “a verdadeira porta de entrada á sanidade pública”.
Tamén reclamou adoptar “tódalas actuacións precisas” para reducir as listas de espera, que –afirmou– afectan xa non só á Atención Primaria, senón ao conxunto das especialidades.
Espinosa esixiu facer públicas “de inmediato” todas as listas de espera e avanzar cara a un sistema homoxéneo de rexistro e cómputo coordinado co Estado, que garanta igualdade e transparencia en todas as comunidades autónomas. Pediu á Xunta que adopte un modelo “honesto, rigoroso e transparente, que non permita ocultar pacientes nin atrasos e amose a realidade completa, non só a parte que encaixa co relato triunfalista do PP”.