Espinosa acusa ao PP de “faltar á verdade” sobre as prazas MIR e lembra que o Estado leva 7 anos batendo récords

A parlamentaria socialista Elena Espinosa criticou ao PP por responsabilizar ao Estado da falta de médicos e lembrou que o Goberno central leva 7 anos consecutivos convocando o maior número de prazas MIR da historia.
Elena Espinosa
25 Aug 2025

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe ao PP de “faltar á verdade” ao culpar ao Estado da escaseza de médicos e lembrou que o Goberno central leva 7 anos consecutivos convocando o maior número de prazas MIR da historia.

Espinosa denunciou que a Xunta está a “desprezar a oportunidade” de aumentar o número de facultativos ao non convocar tódalas prazas de formación sanitaria especializada que o Estado pon á súa disposición. Explicou que en Galicia moitas prazas de Atención Primaria quedan vacantes polas condicións laborais que se ofrecen e pola falta de aposta do executivo autonómico.

A deputada socialista criticou que o PP “nunca recoñecerá que hoxe estamos a pagar os recortes impostos polo goberno de Rajoy e os que aplican agora Rueda e Feijóo voluntariamente”. Lembrou que entre 2017 e 2018, cos recortes de Mariano Rajoy, convocáronse 8.043 prazas de formación sanitaria especializada, fronte ás 12.366 habilitadas polo goberno de Pedro Sánchez para 2026, un 54 % máis.

No caso das prazas MIR, a diferenza é clara: as 6.513 convocadas entre 2017 e 2018 fronte ás 9.276 actuais, o que supón un 42 % máis. En Galicia, segundo Espinosa, o incremento desde 2018 é do 73 % nas prazas de Formación Sanitaria Especializada, con especial relevancia nas de Medicina Familiar e Comunitaria, que se duplicaron cun aumento do 111,2 %.

Espinosa acusou así á Xunta de desaproveitar recursos estatais e advertiu de que o problema da falta de profesionais non reside na oferta de prazas, senón na súa capacidade para facelas atractivas e convocar todas as dispoñibles.

⚙ Configurar cookies
0.20758199691772