Espinosa critica o abandono da saúde mental en Galicia e denuncia o ocultismo nas listas de espera

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, cargou este martes contra a Xunta pola xestión das listas de espera e o que cualificou como “falta absoluta de compromiso coa saúde mental”. Nunha intervención no Parlamento galego, Espinosa criticou que o Goberno galego considere urxente atender unha conduta suicida no prazo de ata sete días. “De verdade esa é a gran aposta pola saúde mental en Galicia? Sete días para unha urxencia vital? É unha vergoña”, sentenciou.
A deputada lembrou que Galicia é a segunda comunidade do Estado con máis mortes por suicidio e advertiu que os profesionais da saúde mental insisten en que a intervención neste tipo de casos debe ser inmediata. “Se se detecta e atende rápido, tes máis éxito. Pero o PP chama a iso atender en sete días”, ironizou Espinosa, apelando ao sentido común dos deputados.
Tamén acusou ao Executivo de Rueda de “maquillar a realidade” das listas de espera mediante un sistema “opaco e manipulado”, ocultando as listas non estruturais. “Mentres o PP non recoñeza a realidade, non poderá dar resposta ás necesidades asistenciais da cidadanía”, advertiu.
Espinosa lembrou que o presidente da Xunta prometeu unha mellora con respecto ao ano 2019, pero os datos de 2024 indican todo o contrario: “Hai máis persoas agardando e os tempos de espera son máis longos”. Ademais, denunciou que os hospitais galegos operan con cadros de persoal insuficientes, unha situación que tamén foi sinalada recentemente por Amnistía Internacional, que advertiu dunha caída do 5% no investimento sanitario.
A deputada socialista reclamou á Xunta sensatez e responsabilidade: “O envellecemento da poboación non pode ser unha coartada para non facer nada. Hai máis pacientes crónicos, si, pero tamén máis medios tecnolóxicos e un persoal sanitario que dá o mellor de si”.
Concluíu denunciando que o problema real é de accesibilidade ao sistema sanitario e que, mentres o PP “siga vivindo nunha realidade paralela, as listas de espera seguirán disparadas e a saúde mental seguirá abandonada”.