Esta madrugada, Galicia poderá contemplar unha eclipse parcial de Lúa próxima á totalidade

Esta madrugada de venres estará marcada por un novo fenómeno astronómico, apenas dúas semanas despois da eclipse total de Sol do pasado 12 de agosto. Trátase dunha eclipse parcial de Lúa que alcanzará o seu punto máximo ás 6.13 horas, momento no que a sombra da Terra cubrirá aproximadamente o 93 % do diámetro do satélite.
A Lúa comezará a atravesar a zona de penumbra terrestre ás 3.25 horas, aínda que nesta primeira fase o cambio será pouco perceptible. Ás 4.34 horas entrará na sombra propiamente dita e comezará a fase parcial da eclipse, que se prolongará ata as 7.51 horas. O máximo producirase ás 6.13 horas. Finalmente, o fenómeno concluirá ás 9.01 horas, cando a Lúa abandone a penumbra.
Durante a fase de maior ocultación, a parte da superficie lunar situada na sombra terrestre adquirirá unha tonalidade avermellada. Este efecto prodúcese porque parte da luz solar atravesa a atmosfera terrestre e é desviada cara ao satélite, creando o coñecido efecto de «Lúa de sangue».
A eclipse poderá observarse sen necesidade de empregar lentes especiais nin outro tipo de protección para os ollos, xa que a observación directa dunha eclipse lunar é segura. O uso de prismáticos ou telescopios permitirá, iso si, apreciar con maior detalle como a sombra da Terra avanza sobre a superficie da Lúa.
A visibilidade dependerá da zona
A fase parcial será visible desde todo o territorio español, aínda que o tempo durante o que poderá seguirse variará segundo a localización. No centro e no leste da Península, así como en Baleares e Melilla, a Lúa ocultarase polo horizonte antes de que remate a fase parcial.
Pola contra, no resto da Península, Canarias e Ceuta, o ocaso lunar producirase unha vez finalizada esta fase, polo que será posible observar durante máis tempo a evolución da eclipse, sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen.
Este será o último gran fenómeno astronómico do mes de agosto, despois da eclipse solar do día 12 e da actividade das Perseidas rexistrada na noite seguinte. Para volver contemplar desde a Península unha eclipse total de Lúa haberá que agardar ata o último día de 2028.