Estabilizados os tres incendios forestais de Padrón, Xermade e Boborás

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal
incendio-forestal-galicia
16 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe.

Permanece estabilizado, desde as 10.56 horas de onte, o lume rexistrado no concello de Padrón, parroquia de Herbón, no que tamén se desactivou a Situación 2 que fora declarada o pasado sábado, día 13, pola proximidade do incendio aos núcleos de Cruxeiras de Abaixo e Sobrerribas.

O incendio iniciouse ás 16.01 horas do venres, día 12, e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 350 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 técnicos, 78 axentes, 112 brigadas, 80 motobombas, 5 pas, 9 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 7 avións.

Quedou estabilizado ás 23.48 horas de onte o incendio do concello de Xermade, parroquia de Roupar, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 35 hectáreas.

O lume iniciouse ás 14.51 horas de onte e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.

Ás 21.24 horas de onte quedou tamén estabilizado o incendio do concello de Boborás, parroquia de Moreiras, no que na tarde de onte foi desactivada a Situación 2 declarada o domingo, día 14, pola súa proximidade ao núcleo de Vecoña.

Comezou ás 21.55 horas do sábado día 13 e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 28 axentes, 53 brigadas, 35 motobombas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 pas, 6 helicópteros e 10 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

0.32284283638