Estas son as recomendacións para enfrontar as baixas temperaturas destes días

É necesario tomar as medidas axeitadas para evitar ou reducir o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo
neve-en-Lóuzara,-Samos
23 Jan 2026

A Consellería de Sanidade fai unha serie de recomendacións á poboación ante o descenso das temperaturas que se agardan para estes días. Ao respecto, lembra que é necesario tomar as medidas axeitadas para evitar ou reducir o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo, especialmente, na poboación máis vulnerable.

As principais recomendacións para previr os efectos negativos para a saúde por mor das baixas temperaturas son:

  • Usar roupa abrigada, non apertada e que transpire. Empregar varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.
  • Prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor.
  • Empregar roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade e calzado impermeable e antiescorregadiza.
  • Procurar permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.
  • Respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.
  • Beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica e evitar as bebidas alcohólicas.
  • Extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos.
  • En caso de utilizar estufas de leña e de gas ou braseiros de carbón, ventilar a estancia con frecuencia para renovar o aire e evitar a acumulación do monóxido e dióxido de carbono e comprobar o correcto funcionamento das estufas e mantelas afastadas de tecidos ou elementos inflamables, apagalas durante a noite.
  • En caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, debe facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.
  • Se hai que viaxar, hai que informarse da situación meteorolóxica e do estado das estradas, así como dos puntos de descanso ou refuxio; asegurar o adecuado funcionamento do vehículo (pneumáticos, freos, luces, etc.), de que o depósito estea cheo e de levar cadeas e levar cargada a batería do móbil.
  • Manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables (chamadas ou visitas) para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.
  • Consultar co persoal sanitario de referencia, co 061 ou o 112 en caso de ser necesario.
  • Para máis información, na páxina web de calidade do aire, cambio climático e saúde da Dirección Xeral de Saúde Pública (https://airesaude.sergas.gal/)
⚙ Configurar cookies
0.29485416412354