Este ano beneficianse do programa Cultiva, que ten o prazo aberto, 31 mozos e mozas galegos

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) mantén aberto ata o próximo 15 de setembro, incluído, o prazo para que os mozos e mozas interesados soliciten participar no programa Cultiva 2026, unha iniciativa que lles permite realizar estancias formativas prácticas en explotacións agrícolas e gandeiras modelo de todo o país. Para esta edición están dispoñibles 300 explotacións en España, e as estancias desenvolveranse a partir de xaneiro de 2027.
Na convocatoria de 2025, que está agora en marcha, 47 mozos e mozas procedentes doutras comunidades autónomas realizan 24 estancias formativas en explotacións galegas, mentres que 31 mozos e mozas de Galicia se beneficiaron do programa realizando estancias noutras comunidades autónomas. Un dos obxectivos da iniciativa é favorecer o intercambio de coñecementos entre os territorios.
O programa Cultiva, desenvolvido e financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en colaboración con organizacións representativas dos sectores agrícola e gandeiro, ten como finalidade facilitar á mocidade o acceso á formación práctica e ao coñecemento de experiencias de explotacións modelo. As estancias teñen unha duración de entre 5 e 14 días e permiten que as persoas participantes adquiran e consoliden in situ coñecementos sobre aspectos técnicos e de xestión que poidan aplicar á súa actividade agraria.
Para a convocatoria de 2026, as persoas interesadas poden consultar o catálogo e buscador de estancias, que permite seleccionar as ofertas segundo o territorio, a produción agraria, o sistema produtivo e as temáticas formativas, entre outros criterios. En Galicia ofértanse un total de 58 estancias. A solicitude debe realizarse a través da sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
As estancias formativas do programa Cultiva están dispoñibles para todos os mozos e mozas profesionais agrarios titulares de explotación de ata 40 anos e para aquelas de 41 ou máis que se instalaran nos últimos cinco anos. Poden elixir explotacións con producións iguais ou diferentes ás súas, independentemente do sector, e situadas en calquera punto do territorio nacional. En caso de participar no programa en anos anteriores, non poden asistir a estancias ás que xa asistisen previamente.
Toda a información sobre esta convocatoria e as edicións anteriores do programa Cultiva está dispoñible no espazo de Relevo xeracional, da páxina web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O proxecto piloto arrincou en 2020 con 13 participantes en oito comunidades autónomas e a participación creceu progresivamente nas seguintes convocatorias: 54 participantes en 2021, 92 en 2022, 202 en 2023, outros 202 en 2024 e 363 en 2026 (o programa deste ano está aínda en execución).