“Este proxecto non vai de siglas, vai de persoas e de traballo”

Montserrat Casanova foi elixida secretaria xeral do PSdeG en Pastoriza
montserrat-casanova-psoe-pastoriza
26 Jul 2026

A Asemblea Extraordinaria da agrupación socialista de Pastoriza acordou a elección e constitución da nova Comisión Executiva Municipal, abrindo unha nova etapa no PSdeG local marcada pola renovación e o reforzo da súa estrutura orgánica de cara aos próximos retos políticos.

A militancia elixiu a Montserrat Casanova como nova secretaria xeral da agrupación e tamén como nova voceira socialista no Concello de Pastoriza. O seu nomeamento prodúcese tras a saída da Corporación municipal de Constantino Fernández Leira, quen oficializou a súa dimisión por motivos persoais relacionados cunha enfermidade que lle obriga a afastarse da primeira liña da política local.

Desde o PSdeG destacan que este proceso contribúe á normalización da agrupación no municipio e supón unha aposta de futuro para consolidar un proxecto político sólido con vistas ás eleccións municipais de 2027. Casanova asume a responsabilidade coa intención de reforzar a presenza socialista no concello, ampliar a participación da militancia e traballar para recuperar a alcaldía.

A nova executiva contará con Primitivo Iglesias Sierra como secretario de Organización e con José Corral Cabado á fronte da Secretaría de Política Veciñal.

A nova dirección combinará a experiencia acumulada durante anos polos anteriores equipos socialistas coa incorporación de novas persoas e iniciativas para o municipio. Neste sentido, a agrupación destaca o legado de traballo desenvolvido durante as etapas de goberno socialista e aposta por construír unha alternativa centrada nas necesidades da veciñanza.

A marcha de Fernández Leira pon fin a unha longa traxectoria na política municipal. O edil ocupaba actualmente a portavocía do grupo socialista e formara parte do equipo de goberno nas lexislaturas nas que PSOE e BNG compartiron responsabilidades municipais. A súa renuncia abre paso a unha nova etapa na representación socialista no Concello, encabezada agora por Montserrat Casanova.

A súa elección para dirixir o PSOE en Pastoriza implica moitos cambios na lista inicial. Como foi o proceso?

O meu nomeamento forma parte dunha decisión de equipo e feita dende a ilusión. Temos a oportunidade da renovación e renovarse non só é cambiar caras, é incorporar compañeiros novos con ganas de traballar, cun compromiso verdadeiro e firme para darlle un novo aire ao concello. Asumo a responsabilidade con toda a seriedade que merece.

Que obxectivos ten para as próximas eleccións?

Tentaremos recuperar a Alcaldía. Pero non só como fin, senón como instrumento para transformar Pastoriza, queremos ser a alternativa que poña Pastoriza en marcha e non só promesas. Propóñome reforzar a agrupación, abrir o partido á participación cidadá e confeccionar un programa que responda ás necesidades reais do municipio. Facelo con rigor, proximidade e honestidade.

Xa ten unha lista ou aínda está en formación?

Queremos unha lista que represente a veciñanza de Pastoriza: persoas comprometidas e con arraigo no municipio. Non interesa cubrir postos, interesa construír un equipo que pise as rúas e que coñeza os problemas de cada parroquia para gobernar con sabedoría. Cando estea rematada, presentarémola con orgullo.

Como se vinculou á política e ao partido?

Traballo en Pastoriza dende o ano 1997, dende o 2012 son unha veciña máis do concello. O meu compromiso con Pastoriza vén do día a día co meu traballo, coa miña familia e coa miña xente. Hoxe síntome máis preparada e máis libre que nunca para dar este paso.

Como ve ao seu concello?

Sei que é un concello con moito potencial co noso campo e a nosa xente, aínda que ao mesmo tempo ten moitas carencias. Desexamos un concello autosuficiente para que os nosos veciños e veciñas e aqueles que veñen traballar poidan vivir e abastecerse nel. Creo que Pastoriza se merece moito máis do que ten e estou convencida de que con vontade política e un bo equipo é posible cambiar as cousas.

Pastoriza leva moitos anos repetindo resultados electorais. Ve posible un cambio de tendencia?

Creo firmemente que é posible. A veciñanza está cansa do inmobilismo. Eu, como veciña do concello, quero alternativas reais e o traballo do noso equipo é demostrar que temos un proxecto sólido. O cambio non vai vir só: hai que pelexalo porta a porta e, sobre todo, escoitar.

Sobre que eixos vai fundamentar o programa?

Un dos nosos grandes obxectivos é frear a despoboación. Temos que fixar poboación e dinamizar a economía. Queremos que o noso concello medre e para iso necesitamos xerar oportunidades reais. Pero non menos importante consideramos o eixo social: o benestar é un piar básico, especialmente nun concello con dispersión poboacional. Tampouco queremos deixar de lado o eixo de infraestruturas e servizos básicos. E por suposto hai que prestar especial atención á cultura, aos deportes e ao patrimonio. Todo isto sen esquecer a transparencia, a xestión e a participación cidadá.

Ve posible reeditar o pacto PSOE-BNG se os resultados volven ser favorables para iso?

O fin sempre debe ser gobernar para o ben do pobo. Os pactos son instrumentos de goberno que, se serven para acadar ese fin, son eficaces. A nosa disposición vai ser dialogar con aquelas forzas progresistas que compartan o modelo de cambio que precisamos en Pastoriza.

Que lle diría aos seus veciños?

Para rematar gustaríame dicir que este proxecto non vai de siglas, vai de persoas e de traballo. Saio con moitísima ilusión, cun equipo a medio conformar pero xa estupendo e co convencemento absoluto de que Pastoriza ten moito futuro. Aproveito para convidar a todos os veciños e veciñas a que se sumen a este cambio porque entre todos podemos darlle ao noso concello o impulso que merece.

0.37209987640381