Estresarase o circuíto Entre Pontes Trail & Running cunha 10K entre A Illa e Vilanova de Arousa

A Deputación de Pontevedra dará o pistoletazo de saída ao seu novo circuíto deportivo Entre Pontes Trail & Running o vindeiro 20 de setembro cunha carreira 10K que unirá A Illa de Arousa e Vilanova de Arousa. A iniciativa, deseñada para fomentar a práctica deportiva e promover o coñecemento do territorio, incluirá un total de seis probas entre setembro e novembro repartidas por diferentes comarcas da provincia.
O deputado provincial Javier Tourís presentou este mércores a primeira cita do calendario na estación marítima de Vilanova de Arousa, acompañado pola directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda. A carreira inaugural partirá desde a ponte da Illa de Arousa e rematará no porto de Vilanova nun percorrido cronometrado de dez quilómetros cun desnivel acumulado de 33 metros.
O circuíto Entre Pontes Trail & Running combinará tres carreiras de 10 quilómetros e tres probas de trail de 14 quilómetros. Ademais, cada xornada contará cunha andaina popular e cunha carreira infantil para favorecer a participación de persoas de todas as idades. Ao remate das actividades habilitarase tamén unha zona de food trucks para completar a experiencia.
Cada unha das citas terá capacidade para 500 corredores e corredoras nas probas principais, mentres que outras 150 persoas poderán participar nas andainas e carreiras infantís, o que permitirá reunir ata 800 participantes en cada xornada.
Segundo destacou Javier Tourís, o programa nace coa intención de descentralizar a actividade deportiva, impulsar a economía local e promocionar a provincia como un destino idóneo para a práctica do deporte ao aire libre, apostando tamén pola sustentabilidade e pola conexión coa natureza.
Tras a estrea en Arousa, o calendario continuará o 12 de outubro cun trail en Vigo, o 25 de outubro cunha carreira 10K en Gondomar, o 1 de novembro cun trail en Cerdedo-Cotobade, o 22 de novembro cunha 10K en Pontevedra e concluirá o 29 de novembro cunha proba de trail en Moaña.
A Deputación informou ademais de que xa está aberto o prazo de inscrición para participar na carreira entre A Illa e Vilanova de Arousa, así como no resto das probas do circuíto. As inscricións poden realizarse a través da páxina web da institución provincial e todas as actividades serán gratuítas.