Estudan a a creación dun viveiro de plantas para a restauración do Parque Natural do Xurés

A Xunta de Galicia e a Asociación Aspanas estudan colaborar para a creación dun viveiro de plantas destinadas á restauración ambiental do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, segundo avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, logo de visitar as instalacións da entidade en Ourense.
Segundo indicou Marisol Díaz, a iniciativa busca combinar a conservación do patrimonio natural coa participación activa desta asociación de familiares de persoas con discapacidade intelectual de Ourense. Deste xeito, o viveiro converteríase nun espazo de participación e aprendizaxe arredor do coñecemento das especies autóctonas, o coidado das plantas e a restauración ambiental.
O proxecto de colaboración establece que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático facilitará á asociación os contedores e o material necesario para o cultivo das plantas, así como sementes de especies autóctonas procedentes do Parque Natural. Ademais, tamén proporcionará a asistencia técnica necesaria para desenvolver a iniciativa. Pola súa banda, as persoas vinculadas a Aspanas encargaríanse do coidado, mantemento e atención do viveiro.
A través desta iniciativa o Goberno galego reafirma o seu compromiso coa conservación da riqueza natural da Comunidade, xa que se facilitará o emprego de especies propias do territorio, adaptadas ás súas condicións ecolóxicas, e se contribuirá á conservación da diversidade vexetal característica do Xurés.
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés foi declarado espazo natural protexido en 1993 e abarca case 29.400 hectáreas entre a serra do Xurés e o val do Limia. Repártese entre os concellos de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín e chega ata a fronteira con Portugal, onde limita co parque nacional luso Peneda-Gêres.
De feito, este parque natural ourensán forma parte da Reserva da biosfera transfronteiriza Gêres-Xurés, a única galega destas características e xestionada conxuntamente entre Galicia e o norte de Portugal, que impulsan distintas accións de cooperación transfronteiriza como a recente repoboación de terreos galegos da reserva con piñeiros silvestres ou teixos de alto valor ecolóxico.
Este parque é un dos seis naturais existentes en Galicia -xunto ás Fragas do Eume, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia e Complexo dunar de Corrubedo e lagos de Carregal e Vixán- aos que se suma o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. Estes sete parques, repartidos por 19 concellos, acadan unha superficie total de preto de 58.000 hectáreas.