Estudantes do Colegio Hogar Afundación de Vigo retiran case tres toneladas de unlla de gato na contorna do Parador de Baiona

Máis de 50 estudantes e docentes do Colegio Hogar Afundación de Vigo participaron hoxe nunha xornada de voluntariado ambiental desenvolvida no Monte Boi, nos arredores do Parador de Baiona. O obxectivo da actividade foi eliminar exemplares de Carpobrotus sp., planta coñecida popularmente como unlla de gato, unha especie exótica procedente do sur de África que se converteu nunha das principais ameazas para os ecosistemas litorais galegos.
Ao longo da mañá, os participantes do centro vigués organizáronse en distintos grupos de traballo, co apoio do profesorado e dun equipo técnico especializado, para levar a cabo a extracción manual desta planta. O traballo consistiu en retirar tanto os exemplares visibles coma as súas raíces, co fin de evitar que volvan rebrotar e permitir así que a vexetación propia do lugar poida recuperar terreo.
Esta especie, tamén chamada herba do coitelo, destaca pola súa capacidade de estenderse rapidamente formando tapices moi densos que acaban por desprazar as plantas autóctonas e alterar as características naturais do solo. Por este motivo, o seu control resulta clave para protexer a biodiversidade destas contornas costeiras e avanzar na súa conservación.
Grazas á xornada deste xoves, conseguiron retirarse 2.875 quilos desta planta invasora. Esta intervención súmase ás que vén desenvolvendo o proxecto PLANCTON no litoral galego, que xa acumula máis de 26 toneladas de material vexetal extraído. Nesta ocasión, o Concello de Baiona colaborou na iniciativa e será o encargado de xestionar os restos vexetais retirados.
Un proxecto para protexer a costa galega
A actividade enmárcase en PLANCTON, o Plan de Conservación Territorial centrado na protección e recuperación dos ecosistemas costeiros de Galicia mediante accións de conservación, restauración ambiental, investigación, divulgación e participación cidadá.
Este plan preséntase como unha iniciativa territorial que aborda a conservación dos espazos naturais desde distintas fronte e coa implicación de diferentes entidades. As intervencións directas sobre o terreo permiten actuar sobre problemas ambientais concretos, ao tempo que axudan a dar a coñecer o valor natural de cada zona e implican á cidadanía no seu coidado. O voluntariado ambiental concíbese como unha ferramenta esencial para achegar a conservación do patrimonio natural á sociedade.
No caso das especies invasoras, manter este tipo de actuacións no tempo resulta fundamental, xa que a súa eliminación adoita requirir intervencións repetidas para controlar posibles rebrotes e evitar que volvan propagarse. Así, cada xornada contribúe pouco a pouco á recuperación das comunidades vexetais orixinais da costa e a consolidar os resultados obtidos.
A actividade tamén forma parte do programa 'Educación para a Sostibilidade' de Afundación, cuxo propósito é achegar ao alumnado o coñecemento da súa contorna natural e promover actitudes responsables co medio ambiente. A participación directa neste tipo de traballos de campo permite aos estudantes do Colegio Hogar Afundación coñecer de primeira man a problemática das especies exóticas invasoras e entender a importancia da implicación cidadá na protección dos ecosistemas, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, en concreto o ODS 13 (Acción polo clima), o ODS 14 (Vida submarina), o ODS 15 (Vida de ecosistemas terrestres) e o ODS 17 (Alianzas para lograr os obxectivos).