Evalúan no colexio de Guitiriz o programa Avatares, que utiliza robots para a atención personalizada de alumnos enfermos

Visita tamén o polo creativo do CEIP Terra Chá para coñecer o traballo que se caracteriza polo seu dinamismo
polo-creativo-ceip-terra-cha
9 Jun 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Colexio Plurilingüe Lagostelle, en Guitiriz, para coñecer de primeira man o funcionamento do proxecto Avatares, unha iniciativa pedagóxica pioneira impulsada pola Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela para mellorar a atención educativa do alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración mediante o uso de robots de telepresenza.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a relevancia deste proxecto piloto para seguir avanzando na construción dun ensino cada vez máis inclusivo, facilitando que o alumnado que, por razóns de saúde, debe permanecer afastado temporalmente do seu centro educativo poida seguir as clases a través das novas tecnoloxías. Así mesmo, puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas para o benestar emocional destes escolares, dado que lles permiten manter o vínculo e a conexión coa súa aula habitual, cos mestres e os compañeiros.

O proxecto baséase no uso de avatares robóticos que funcionan como sistemas de telepresenza que se integran nas aulas ordinarias do alumnado de Educación Primaria hospitalizado ou en situación de convalecencia. A través deles, os nenos e nenas poden conectarse en tempo real coa súa clase, seguir as explicacións do profesorado, interactuar cos seus compañeiros e participar no desenvolvemento habitual da actividade educativa. Isto favorece o sentimento de pertenza ao grupo-clase do alumnado e a redución do illamento durante os períodos nos que non pode asistir ao colexio.

Avatares está coordinado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital en colaboración co grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa TecnoEduc da USC, no marco do convenio subscrito entre ambas institucións. A iniciativa conta tamén coa colaboración da Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, á que están vinculados os alumnos que participan no programa.

Polo Creativo no CEIP Terra Chá

A directora xeral achegouse tamén esta mañá á CEIP Terra Chá, en Vilalba, para coñecer o seu traballo no Polo Creativo, que se caracteriza polo seu dinamismo. Entre outras iniciativas, o centro desenvolve neste espazo un proxecto de radio escolar, así como diferentes manuais como a elaboración de estoxos de tea decorados a man ou de chaveiros ou puntos de libro coa técnica de pezas de plástico hama beads.

A representante da Xunta sinalou o papel destes espazos para fomentar a experimentación e o traballo en equipo dos escolares ao tempo que descobren o funcionamento de novas ferramentas –de robótica, impresión 3D....– e as súas posibilidades de aplicación á aprendizaxe.

0.38685512542725