Éxito de participación no I Premio Jaime Olmedo Limeses de Novela e Relato Infantil

Pontevedra acolleu esta mañá no Museo Provincial a entrega dos I Premios Jaime Olmedo Limeses, nun acto que reuniu a máis de cen persoas. Ramón D. Veiga e Gabriel Graña foron distinguidos nas categorías de novela e relato infantil, respectivamente, mentres Avigal repartiu 1.500 exemplares da obra gañadora para achegar a literatura en galego aos fogares.
Jaime Olmdo
20 May 2025

Coincidindo co Día das Letras Galegas, tivo lugar esta mañá no Museo Provincial de Pontevedra o acto de entrega do I Premio Jaime Olmedo Limeses de Novela Infantil e de Relato Infantil, unha convocatoria impulsada por Avigal en colaboración con Antela Editorial que acadou un notable éxito de participación.

Durante o acto, no que estiveron presentes representantes dos medios de comunicación, do sector educativo, cultural e literario, entregouse o premio de 3.000 € na categoría de novela infantil ao pontevedrés Ramón D. Veiga pola súa obra Pernascochas, publicada por Antela Editorial, que mestura humor, emoción e sensibilidade para o público de 6 a 12 anos.
Na modalidade de relato infantil, o galardón recaeu en Gabriel Graña pola súa peza Regulus, un gato valente, recoñecendo o xurado a creatividade e calidade das propostas recibidas nesta primeira edición.

Os portavoces de Avigal e de Antela Editorial valoraron a importancia de fomentar desde a infancia a creación literaria en galego e de reforzar a conexión entre o mundo cultural e o tecido social e económico de Galicia.
Ademais, Avigal agasallou 1.500 exemplares de Pernascochas nos seus puntos de venda por todo o país, contribuíndo a facer chegar a obra ás familias nunhas datas tan simbólicas.

A obra campioa xa está dispoñible nas librarías e na páxina web de Antela Editorial. Autor e editorial ultiman unha xira de presentacións por centros educativos, bibliotecas e espazos culturais da xeografía galega, que se anunciará proximamente.

O certame nace coa vocación de consolidarse como referencia no apoio á literatura infantil en galego, ofrecendo visibilidade a autoras e autores que escriben na nosa lingua e apostando pola dinamización do rural, o impulso da cultura e a defensa do idioma de seu.

⚙ Configurar cookies
0.10076498985291