Extinguido o incendio das Fragas do Eume, o último que quedaba

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés da Capela, parroquia homónima, e que afectou ao Parque Natural das Fragas do Eume, quedou extinguido ás 10.38 horas de hoxe.
O incendio comezou ás 05.27 horas do martes e afectou finalmente unha superficie de 52,85 hectáreas, das cales 39,85 corresponden a monte raso e as 13 restantes a arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 3 técnicos, 24 axentes, 37 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 avións e 5 helicópteros.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.