Extinguido o incendio forestal do concello de Calvos de Randín tras arrasar 518 hectáreas

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín, quedou extinguido ás 22,24 horas de hoxe domingo. O lume iniciouse ás 13,36 horas do pasado xoves e afectou finalmente 518,1 hectáreas, das que 370 corresponden a superficie arborada e as 148,1 restantes a rasa.
Neste incendio foi necesario declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de As Meaus, no concello limítrofe de Baltar, unha situación operativa de emerxencia xa desactivada. Para a extinción do lume mobilizáronse en conxunto 7 técnicos, 48 axentes, 55 brigadas, 33 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 11 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.
Forestal