Extinguido un incendio en Forcarei e outro en Camariñas permanece estabilizado con 20 hectáreas afectadas

O lume rexistrado en San Miguel de Presqueiras quedou apagado na noite do sábado, mentres que o declarado na Ponte do Porto se estabilizou esta mañá tras afectar unha superficie provisional de arredor de 20 hectáreas
incendio-porto-do-son-a-coruna
18 Oct 2026

Galicia rexistra dous incendios forestais nas provincias de Pontevedra e A Coruña. O primeiro, declarado no concello pontevedrés de Forcarei, quedou extinguido ás 22.44 horas do sábado tras afectar unha superficie de 34 hectáreas. O segundo, no municipio coruñés de Camariñas, permanece estabilizado desde as 8.29 horas deste domingo, cunha superficie afectada estimada provisionalmente en arredor de 20 hectáreas.

O incendio de Forcarei, localizado na parroquia de San Miguel de Presqueiras, iniciouse ás 5.58 horas do sábado. Das 34 hectáreas afectadas, 33 corresponden a monte raso e unha a superficie arborada. Para sufocar as lapas mobilizáronse un técnico, oito axentes, 14 brigadas, dez motobombas, dúas pas, un avión e tres helicópteros.

Pola súa banda, o lume de Camariñas comezou ás 22.19 horas do sábado na parroquia da Ponte do Porto. Segundo as últimas estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural, a superficie afectada rolda as 20 hectáreas. Nos labores de extinción mobilizáronse ata o momento 13 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas e unha pa.

A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía pode avisar da detección de incendios forestais a través do teléfono gratuíto 085. Tamén está dispoñible a aplicación ALume, que permite comunicar a existencia de incendios activos en Galicia.

Ademais, o departamento autonómico conta cun teléfono anónimo e gratuíto, o 900 815 085, para denunciar posibles actividades delituosas relacionadas cos incendios forestais. A información actualizada sobre os lumes que afectan superficies de 20 hectáreas ou máis pode consultarse na conta de X @incendios085.

0.38661503791809