Fabiola García clausura o curso na educación infantil gratuíta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Rois, Ramón Tojo, entregou esta mañá as orlas ao alumnado da escola infantil pública autonómica. Neste acto de clausura, lembrou que este é o cuarto curso coa educación infantil completamente de balde, unha medida que beneficia a máis de 32.000 familias de toda Galicia.
A conselleira destacou que a gratuidade da educación 0 a 3 impulsada pola Xunta “é unha mostra máis do compromiso do Goberno galego coa conciliación e o benestar das familias”. Ao respecto, explicou que se trata dunha iniciativa pioneira e única en España que ofrece un programa de atención de balde once meses ao ano e que se estende, dixo, a todas as escolas infantís, independentemente da súas titularidade.
Deste xeito, Fabiola García clausurou un novo curso no que Galicia, recalcou, “volveu estar á vangarda en educación infantil”, unha medida que nos últimos anos consolidou á comunidade como líder nacional en escolarización 0 a 3, cunha ratio do 65%. Ao mesmo tempo, reafirmou o compromiso da Xunta con todas as familias e avanzou que o próximo ano será o quinto con todas as prazas das escolas infantís completamente gratuítas.