FAIA comparte no Museo do Pobo Galego o proceso creativo de Alvela e a súa conexión co arquivo oral

A artista FAIA e a etnomusicóloga Beatriz Busto manterán este xoves 15 de maio unha conversa sobre a creación do disco Alvela e a súa relación co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego. A cita, con entrada libre, enmárcase na programación paralela da exposición Cantareiras.
Faia
14 May 2025

FAIA e a etnomusicóloga Beatriz Busto manterán este xoves, 15 de maio, a conversa Alvela. Do arquivo ao disco, unha oportunidade única para coñecer de primeira man a estreita vinculación do novo disco da artista co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión, comezará ás 20.00 horas no Museo do Pobo Galego e terá entrada libre ata completar capacidade.

Alvela é un traballo complexo e sutil, composto por dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén pola forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas. Esta constrición creativa dálle ao disco unha coherencia sónica e unha organicidade singular.

O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de artistas como Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual desenvolveuse xunto con Melania Freire, mentres que as acuarelas e animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero participou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso creativo.

Sobre FAIA

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe ou o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou Ao cabo leirín, o seu primeiro traballo en solitario, reinterpretando o cancioneiro tradicional galego en clave feminista. Alvela, presentado este abril, é o seu segundo disco.

CONVERSA CON FAIA
Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Busto
Xoves 15 de maio | 🕗 20.00 h
Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)
Entrada libre ata completar capacidade

⚙ Configurar cookies
0.082647085189819