Falece Manuel Lourenzo, figura clave do teatro galego

O dramaturgo de Ferreira do Valadouro, galardoado con numerosos premios, morre aos 82 anos na Coruña
manuel-lourenzo
10 Aug 2025

O mundo da cultura galega está de loito pola morte de Manuel Lourenzo, nado en Ferreira do Valadouro en 1943 e falecido este luns na Coruña aos 82 anos. Actor, director, dramaturgo, tradutor e incansable impulsor de proxectos teatrais, Lourenzo deixa tras de si unha traxectoria marcada pola paixón, o compromiso e a excelencia artística.

O seu labor foi recoñecido con algúns dos galardóns máis prestixiosos, como o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Premio de Honra Marisa Soto (1998), o Pedrón de Ouro, o Otero Pedrayo ou o Maruxa Villanueva. Este mesmo ano recibira o Premio de Honra dos Mestre Mateo, un recoñecemento que celebrara con emoción.

Profesor Honoris Causa pola Escola Superior de Arte Dramática e Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Lourenzo definía sempre que “o mellor premio para un dramaturgo é ver a súa propia obra no palco”. Palabras que hoxe cobran un significado especial para todos os que compartiron con el escenario, proxectos e soños.

Entrevista: "O teatro é un traballo duro que esixe que sexamos fortes para defender o noso, que é facer teatro, cine, televisión".

⚙ Configurar cookies
1.0995271205902