Familias dos colexios de Begonte e Melide esixen máis mestres nunha concentración ante o Consello Escolar

A CIG-Ensino concentrouse onte diante do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, coincidindo coa celebración do Consello Escolar de Galiza, para reclamar máis recursos humanos para o ensino público. Na protesta participaron delegados e delegadas da organización sindical, así como representantes das comunidades educativas dos colexios Virxe do Corpiño de Begonte e Mestre Pastor Barral de Melide.
Durante a concentración coreouse a consigna deste curso, «Neste cole faltan mans», e reclamouse o cumprimento da normativa relativa aos desdobres, aos catálogos de postos de traballo e aos apoios necesarios nos centros educativos para atender todo o alumnado, con independencia de que presente ou non necesidades educativas especiais.
As persoas concentradas tamén criticaron o plan anunciado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para avaliar as baixas médicas do profesorado. A responsable da CIG-Ensino Laura Arroxo cuestionou as cifras de incremento de persoal ofrecidas pola Consellería e reclamou que se analicen as causas das baixas entre o profesorado.
Arroxo sinalou que as baixas médicas están relacionadas, entre outros factores, co aumento das esperas na sanidade, os problemas de estrés e ansiedade e o atraso na idade de xubilación do persoal docente. Tamén lembrou que as baixas son determinadas por persoal sanitario e que existen mecanismos de inspección médica e do Instituto Nacional da Seguridade Social para facer o seu seguimento.
A concentración coincidiu coa comparecencia do conselleiro de Educación ante o Consello Escolar de Galiza, na que estaba previsto que informase sobre as principais novidades do inicio do curso. Segundo a CIG-Ensino, as persoas concentradas reclamaron que o conselleiro atendese as súas demandas, pero non chegou a reunirse coas familias e o profesorado presentes.
Entre os centros representados estaba o CEIP Mestre Pastor Barral de Melide. A presidenta da ANPA, Virginia Seoane, explicou que levan 13 días sen enviar o alumnado ao centro como medida de protesta pola falta dunha mestra de Francés que, segundo a comunidade educativa, lle corresponde ao colexio de acordo co catálogo de postos de traballo.
Seoane indicou que esta situación obriga a que a titoría dun curso de Primaria sexa asumida por tres docentes diferentes e reduce os apoios dispoñibles para o alumnado. O centro é tamén de referencia na contorna para alumnado con necesidades educativas e conta cunha aula específica atendida por persoal especialista en Pedagoxía Terapéutica.
A representante da ANPA sinalou que, tras manter reunións coa dirección territorial, a xefatura de inspección provincial e o inspector da zona, a resposta recibida foi a necesidade de «optimizar recursos». A comunidade educativa considera, pola contra, que está reclamando o cumprimento dos recursos establecidos para o centro.
No caso do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, o representante da ANPA, Adrián Rocha, explicou que o alumnado de Educación Infantil ascende a 29 estudantes ao aplicar o cómputo establecido para o alumnado con necesidades educativas. Segundo a normativa que manexa a comunidade educativa, corresponderíanlles tres aulas e unha mestra de apoio, pero o centro mantén actualmente dúas aulas.
A ANPA asegura que xa remitiu escritos á Dirección Territorial e á Valedora do Pobo para reclamar o desdobramento, sen obter polo momento unha resposta da Xunta.
A CIG-Ensino asegurou ter constancia de situacións similares noutros centros educativos galegos. Entre os casos que sinala figuran colexios de Guntín, Ferrol, As Pontes, Salceda de Caselas, Vigo, O Covelo, Ourense, Rois, Silleda, Vila de Cruces e Lalín, así como o CEE López Navalón de Santiago.
No ensino secundario, a organización sindical cita centros de Vila de Cruces, As Neves, As Pontes, Cee, Lugo, Monterroso, Culleredo, Ourense, Burela, Cervo, Chapela e Redondela. Tamén sinala varios centros integrados de formación profesional de Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol e A Coruña.
Segundo a organización sindical, nalgúns destes centros o alumnado leva dúas semanas de clase sen profesorado ou mesmo sen titores e titoras, unha situación que a CIG-Ensino relaciona coa falta de persoal necesario para cubrir as necesidades dos centros.