FAPACEL denuncia a falta de planificación nas substitucións e o financiamento insuficiente dos comedores

A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (FAPACEL) denuncia a falta de planificación da Xunta de Galicia na cobertura das substitucións nos comedores escolares, a existencia de prazas de auxiliares sen cubrir e a insuficiencia do financiamento destinado a este servizo. A entidade asegura que está a recibir numerosas incidencias trasladadas polas ANPAS da provincia, relacionadas tanto coa falta de persoal como coas dificultades para manter o funcionamento habitual dos comedores.
Segundo explica FAPACEL, estanse a producir cesamentos de cociñeiros e cociñeiras sen que se realicen substitucións inmediatas, vacantes que permanecen sen cubrir e auxiliares que non chegan a incorporarse aos seus postos. Tamén hai prazas de apoio pendentes desde o curso pasado.
A federación considera que os procesos de consolidación e selección de persoal eran previsibles e que a Administración debería ter planificado a cobertura dos postos. A falta de previsión está a provocar modificacións nos menús, solucións improvisadas e incerteza nos centros sobre cando poderán recuperar a normalidade. Entre os exemplos citados figura o CEIP de Friol.
FAPACEL advirte de que o problema non se limita ás substitucións. Hai comedores con máis de cen usuarios que funcionan cunha dotación insuficiente de persoal, mentres seguen sen cubrirse prazas de auxiliares e axudantes de cociña. A entidade sinala os casos do centro da Fonsagrada e do CEIP Santo Estevo de Parga.
A federación tamén cuestiona a achega económica da Xunta, que sitúa en 2,79 euros por comensal e día como máximo, unha cantidade que considera claramente insuficiente para afrontar os custos actuais e garantir a calidade alimentaria que esixe a propia Administración. Como exemplos desta situación menciona os CEIP Ramón Falcón e Veleiro Docampo.
Ademais, a falta de persoal obriga algúns centros a recorrer a servizos externos e solucións alternativas, o que supón gastos extraordinarios que deben asumir cos seus xa limitados orzamentos. FAPACEL cita o caso do CEIP San Clodio, que, segundo indica, leva un ano agardando por unha solución.
Ante esta situación, a entidade reclama unha planificación efectiva dos procesos de selección e a cobertura inmediata das vacantes, así como unha dotación suficiente de cociñeiros e auxiliares de cociña. Tamén pide que o financiamento se adapte ao custo real dos alimentos e que se compensen os gastos extraordinarios que estas deficiencias están a ocasionar nos centros.
FAPACEL insiste na necesidade de garantir a continuidade e a calidade do servizo para todo o alumnado e considera que non se pode trasladar aos centros educativos, ás ANPAS e ás familias a responsabilidade de resolver as consecuencias dunha deficiente planificación administrativa.
A federación cuestiona así que a Xunta poida garantir menús saudables, variados e de calidade se non asegura os recursos humanos e económicos necesarios para preparalos e adquirilos. «Os comedores escolares non funcionan con boas intencións nin con menús sobre o papel. Funcionan con persoal, alimentos e recursos», conclúe a entidade.