Favorecen a inmersión no rural nos centros comerciais con experiencias 3D

A Xunta reforza a promoción do leite galego certificado baixo o selo Galega 100 % mediante unha acción específica dirixida ao consumidor final que se está a desenvolver ao longo deste mes de maio en diferentes centros comerciais da nosa comunidade. A esta actuación, que se enmarca na campaña de publicidade institucional do selo, achegouse a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, ao posto situado no centro comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela. Estivo acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.
Esta iniciativa contempla unha produción audiovisual, que se pode ver a través de gafas 3D e que permite unha inmersión virtual no rural galego. Cómpre lembrar que o slogan principal da campaña do selo Galega 100 % é “pásate ao modo CEN”, vinculando ese estado de tranquilidade e pracer co consumo de leite certificado e con garantía dun estándar de calidade superior.
Así, na campaña búscase destacar o leite galego como un produto de proximidade e máxima calidade, garantida baixo este selo. Tamén se pretende incrementar o consumo do leite galego entre a cidadanía, así como sensibilizar ao consumidor sobre a importancia do sector agrogandeiro e do gandeiro en particular, como peza fundamental no coidado do territorio, gardián da calidade do produto e xerador de riqueza para Galicia.
Co obxectivo de afianzar estes obxectivos e buscar un impacto máis directo no potencial consumidor, neste 2026 púxose en marcha esta acción específica de difusión do selo Galega 100% en centros comerciais, que acompaña á campaña xeral. O calendario das actuacións iniciouse o 8 de maio no centro comercial Marineda da Coruña; logo tivo lugar no Odeón, de Ferrol, o día 9; e este 15 de maio en Santiago de Compostela. Continuarase mañá no centro comercial Pontevella de Ourense e o día 22 no das Termas de Lugo. A acción pecharase en Vigo, os días 23 (en Vialia) e 29 (en Gran Vía). Todas as actuacións desenvólvense en horario de 17:00 a 21:00 horas.