Felipe Arias incorpórase como membro correspondente da Real Academia Galega

Felipe Arias, nado en Lugo en 1949, foi elixido na tarde de onte membro correspondente da Real Academia Galega logo de que o pleno da institución aprobase a súa incorporación. O nomeamento recoñece unha ampla carreira profesional vencellada á investigación histórica e arqueolóxica, á xestión museística e á difusión do patrimonio cultural galego.
Ao longo da súa traxectoria, Arias desenvolveu unha intensa labor como historiador, arqueólogo e museólogo. Foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984 e estivo á fronte do Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación en 1983 ata 2014, ano no que se xubilou. Na actualidade é profesor investigador ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela e conta cunha extensa produción científica elaborada ao longo de máis de cincuenta anos de actividade, á que se suma un destacado labor divulgador a través de publicacións periódicas, monografías, cursos e xornadas especializadas.
Lugués de nacemento e tamén de residencia, o novo académico centrou desde os seus inicios boa parte do seu interese investigador na muralla romana de Lugo. A este monumento dedicou en 1971 a súa tese de licenciatura, recoñecida co premio extraordinario da Universidade de Santiago de Compostela, institución á que estivo ligado como docente ata 1974. Aquel traballo supuxo a primeira achega académica centrada especificamente na muralla e, posteriormente, Arias participou en distintos proxectos de intervención e seguimento, entre eles a elaboración do dossier que permitiu acadar a declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.