Fernando Pintos e Polo Correo do Vento, Premios Cidade de Pontevedra 2025

O Concello de Pontevedra homenaxeará o vindeiro 20 de xaneiro a Fernando Pintos e ao colectivo Polo Correo do Vento, gañadores dos Premios Cidade de Pontevedra 2025 nas categorías de persoa física e persoa xurídica.
premios Cidade de Pontevedra
14 Jan 2026

O xurado dos Premios Cidade de Pontevedra 2025 escolleu por consenso e unanimidade a Fernando Pintos, veciño de Salcedo e presidente da súa Comunidade de Montes ata o pasado ano, como gañador na categoría de persoa física. Na modalidade de persoa xurídica, o recoñecemento recaeu no colectivo artístico Polo Correo do Vento.

O Concello de Pontevedra celebrará o acto de entrega o vindeiro martes, 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián, ás 13.00 horas na Casa Consistorial.

Durante a presentación do fallo, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou a figura de Fernando Pintos como “un defensor incansábel dos dereitos do monte e da parroquia de Salcedo”, subliñando o seu papel na loita contra as expropiacións de facto do monte comunal e o seu compromiso constante coa protección do patrimonio histórico, etnográfico e cultural da zona.

Pola súa banda, o colectivo Polo Correo do Vento foi recoñecido pola súa traxectoria artística e polo seu firme compromiso coa cultura galega e pontevedresa. O alcalde expresou o orgullo do Concello por un proxecto nado en Pontevedra que destaca pola súa capacidade creativa e polo seu traballo dirixido ao público infantil, cunha produción cultural de gran calidade.

A distinción recoñece tamén o labor do colectivo na defensa e recuperación da cultura e do patrimonio galego. Impulsado por Quique Mauricio e Carlos Taboada, o proxecto recibe este galardón nun ano especialmente emotivo, tras o recente falecemento de Carlos Taboada, unha perda que o rexedor cualificou como “inmensa para a cultura galega e pontevedresa”.

O xurado dos Premios Cidade de Pontevedra está integrado por representantes dos tres grupos políticos da corporación municipal, así como por entidades veciñais, sectores sociais e medios de comunicación.

⚙ Configurar cookies
0.47471499443054