Fillas de Cassandra achegarán o universo de ‘Hibernarse’ á Fundación Luis Seoane da Coruña

Con esta proposta, Fillas de Cassandra culminan unha etapa marcada polo éxito do seu primeiro disco
fillas-cassandra-corunha
2 Jun 2025

A cidade da Coruña acollerá unha das dúas únicas presentacións do novo proxecto artístico de Fillas de Cassandra, Hibernarse. A cita será o sábado 28 de xuño, a partir das 20.00 horas, na Fundación Luis Seoane, dentro do ciclo ‘Noite no museo con Fnac’.

Neste evento exclusivo, o dúo formado por María SOA e Sara Faro interpretará en directo os temas que compoñen o seu novo EP —'feito a man', 'arderse', 'quebrantarse' e 'hibernarse'— e manterá unha conversa aberta co público sobre o proceso creativo do disco, as súas temáticas e o universo estético e simbólico que o rodea.

Hibernarse preséntase como un proxecto multidisciplinar que vai máis alá da música: inclúe tamén un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias creada da man de Toda Frágil e outras sorpresas que se desvelarán durante o encontro.

O acceso á presentación será limitado e os convites poderanse conseguir na tenda Fnac da Coruña. Ademais, aquelas persoas que adquiriran o pack con vinilo e fanzine na preventa a través de Altafonte tamén terán a posibilidade de asistir, sendo contactadas proximamente pola discográfica.

Con esta proposta, Fillas de Cassandra culminan unha etapa marcada polo éxito do seu primeiro disco, Acrópole, e por máis dun cento de concertos. A cita na Fundación Luis Seoane suporá o peche perfecto antes de facer unha pausa nos escenarios.

 

⚙ Configurar cookies
0.21809101104736