Fillas de Cassandra presenta unha colección de xoias feitas a man inspirada en Hibernarse

Fillas de Cassandra continúa a expandir o seu proxecto artístico multiformato Hibernarse coa presentación dunha nova colección de xoias e obxectos de cristal feita a man, en colaboración coa marca galega Toda Frágil. A proposta, dispoñible para encargas entre o 8 e o 22 de maio, está composta por oito pezas únicas creadas mediante técnicas artesanais de soprado e traballo do vidro.
A colección inclúe pendentes, aneis, flores, pasadores de pelo ou obxectos decorativos que aparecen tamén no videofilme Hibernarse. “Son pezas delicadas, fráxiles e resistentes á vez, como os procesos creativos que defende este proxecto”, explican as integrantes do dúo, Sara Faro e María SOA, xunto á artesá Silvia Calvo, responsable da marca Toda Frágil.
Esta colaboración súmase ao universo de Hibernarse, que xa conta cun EP producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, un videofilme dispoñible nas plataformas dixitais e un vinilo físico que inclúe un fanzine con materiais inéditos. Todas estas propostas xiran arredor da reflexión sobre os tempos, a pausa, a autenticidade e a defensa do traballo artesanal fronte á produción en masa.
As persoas que adquiriron o vinilo na súa prevenda recibirán un código de desconto exclusivo para mercar as xoias a través da tenda online de Toda Frágil.
Tras o éxito do seu primeiro disco Acrópole, co que acadaron recoñecemento e unha intensa xira con máis de cen concertos, Fillas de Cassandra continúa a explorar novas linguaxes artísticas desde Galicia, apostando por formatos híbridos que unen música, artesanía, vídeo e poesía.