Fillas de Cassandra publica Hibernarse, un chamado á pausa fronte ao desenfreo do capital

O primeiro avance do seu EP multiformato evidencia tamén a evolución da identidade das artistas, tanto a nivel sonoro como discursivo.
Fillas de Casandra
20 Mar 2025

María SOA e Sara Faro reclaman neste tema tempo para a “confección dun novo traxe”, que exemplifican a través de novos rexistros para as súas voces e na experimentación coas texturas.

“Xa mo dicía mamá. Ti chega tarde que é mellor que non chegar”. Con esta clarificadora e reivindicativa sentenza comeza Hibernarse, o sinxelo que Fillas de Cassandra publica hoxe mesmo en todas as plataformas dixitais e que, á vez, titula o novo proxecto multiformato do dúo conformado por María SOA e Sara Faro e cuxa parte musical producen, nesta ocasión, Greta Ch’aska e Mumbai Moon.

Hibernarse, o primeiro “fascículo” do universo homónimo, é un chamado á pausa fronte á velocidade imposta polo “frenesí da industria e do fast-todo do capital”, a esixencia de facer, con urxencia, todo dun xeito rápido. “Rápido e mal feito, dúas veces mal”, canta Fillas de Cassandra nesta peza, a primeira das catro que as artistas darán a coñecer desde hoxe e, semanalmente, ata o 10 de abril.

Fronte ao ritmo desenfreado e á velocidade dos acontecementos vividos ao longo destes dous últimos anos (cando publicaron Acrópole), Sara Faro e María SOA avogan porque cadaquén poida tomar o tempo necesario para levar o seu propio compás e construír algo auténtico e duradeiro desde a súa verdade, como queren facer elas mesmas. É, ao cabo, o punto de partida do sinxelo: ás veces chegar tarde é mellor que non chegar.

Na construción desta reivindicación do dereito á espera, Fillas de Cassandra emprega versos que evocan a sabedoría popular (ese “ti chega tarde que é mellor que non chegar”) ou a incerteza da elección (“como elixir entre a savia e o veleno se aínda non coñecemos a forma de todas as voces que teremos?”), co obxectivo de subliñar que os procesos de exploración son lentos e complexos e que, para avanzar un paso, ás veces cómpre desandar outros catro.

Así, tamén cantan no retrouso ao “billete dourado”, unha figura que pode suxerir o porvir soñado, unha promesa de futuro que aínda está por chegar, mais que xa está presente no pensamento e na vontade das artistas. Neste Hibernarse, Fillas de Cassandra evidencia a evolución da súa identidade, unha transformación que manifesta no desexo “de mudar a voz e a pelaxe” coa finalidade de “achar as medidas para un novo traxe”, unha metáfora do proceso de busca de novas formas sonoras, musicais e discursivas sobre as que María SOA e Sara Faro xa están a traballar.

Neste tema, o público poderá escoitar novos rexistros das súas voces (especialmente no retrouso) e os xogos que estabelecen con sonoridades e texturas; mais todo sen abandonar as súas sobranceiras harmonías vocais, os instrumentos orgánicos e a electrónica intensa que caracteriza ao dúo.

⚙ Configurar cookies
0.11878085136414