Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á memoria colectiva fronte á guerra

O dúo vigués Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, o segundo avance do seu novo EP Hibernarse, dispoñible xa nas principais plataformas dixitais. A peza afonda na memoria colectiva e denuncia a fragmentación do tempo provocada pola Guerra Civil, apelando á necesidade de lembrar fronte á historia oficial.
Inspirado no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión de Severina Murias, Quebrantarse introduce a gaita e sons de terra para evocar a tradición oral galega como forma de resistencia e transmisión da memoria. A letra presenta un diálogo tráxico entre dous amigos caídos en bandos enfrontados, condenados por unha violencia que non escolleron.
O tema inclúe tamén versos de Yerma, de Federico García Lorca, e mestura tradición e vangarda coa produción de Greta Ch’aska, Mumbai Moon e as propias Fillas de Cassandra. Esta segunda entrega continúa a narrativa do proxecto Hibernarse, un traballo conceptual que reflexiona sobre o tempo, a creación e a verdade propia a través da música, a palabra e a emoción.