Físicos advirten dun erro crítico nun estudo que relaciona o cambio de hora con riscos graves para a saúde

Jorge Mira Pérez da USC e José María Martín Olalla da US sinalan que empregou un modelo que utilizaba localizacións xeográficas incorrectas
cambio-de-hora-de-inverno-a-veran
21 Oct 2026

A revista Chronobiology International acaba de publicar unha contribución realizada polos profesores Jorge Mira Pérez da Universidade de Santiago de Compostela e José María Martín Olalla da Universidade de Sevilla, na que advirten dun erro no programa informático empregado nun estudo publicado en setembro de 2025 que relacionaba a práctica do cambio estacional da hora con aspectos negativos para a saúde, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos, accidentes cerebrovasculares) como crónica (obesidade). O estudo orixinal apoiaba a eliminación da práctica do cambio de hora e o mantemento da hora de inverno.

O estudo orixinal, realizado por investigadores da Universidade de Stanford, tivo repercusión mundial por empregar a base de datos do Centro para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos, que contén a prevalencia a nivel de condado de 29 enfermidades agudas e crónicas. Para chegar a esa conclusión vincularon ditas prevalencias co desfase circadiano anual (o acumulado ao longo dun ano dos valores absolutos dos pequenos reaxustes que ocorren para manter sincronizados o reloxo biolóxico e o ciclo de luz e escuridade), obtido dun modelo biolóxico computacional desenvolvido polos autores. O desaxuste circadiano que obtiveron con ese modelo era maior co actual cambio de hora e menor coa hora de inverno permanente, mentres que a hora de verán permanente presentaba unha métrica intermedia entre ambas as opcións.

O traballo dos profesores Martín Olalla e Mira informa dun erro que cuestiona estes resultados. Ao calcular a diferenza entre o meridiano local e o meridiano horario de referencia, os autores introduciron un signo erróneo que equivale a trasladar as posicións dos condados analizados de leste a oeste. Por exemplo, Detroit, situada na parte occidental do fuso horario da Costa Leste, foi transportada polo código do modelo á parte oriental dese fuso, no medio do océano Atlántico. Como consecuencia, os desfases circadianos anuais calculados no traballo orixinal refírense a estas localizacións erróneas. Estes valores foron contrastados coas métricas de saúde reais das localizacións correspondentes. “Ata que os autores non refagan todos os cálculos, os resultados publicados non están avalados empiricamente”, sinala José María Martín.

Os autores do artigo orixinal publicaron unha resposta na que recoñecen o erro detectado polos físicos españois, pero réstanlle importancia. Jorge Mira e José María Martín Olalla analizaron tamén os valores medios recalculados polos autores do estudo orixinal tras aceptar o erro e sinalan que estes novos valores non permiten soster que a hora de inverno permanente sexa mellor ca hora de verán permanente. “Corrixido o erro, a diferenza no desfase circadiano anual entre a hora de verán permanente e a hora de inverno permanente é de 0,2 horas ao ano; de media son só 2 segundos por día. O modelo produce agora desfases circadianos iguais con ambos os horarios”, sinala Jorge Mira.

Os autores do traballo orixinal sinalan agora que a práctica do cambio de hora supón case dúas horas anuais máis de desfase circadiano. Para Martín Olalla, “este incremento pode atribuírse á propia metodoloxía do estudo, que emprega valores absolutos e implica que o desfase circadiano co cambio de hora será dúas horas superior ao que se produce sen cambio de hora. Pero, insisto, este é un resultado de base. Se a diferenza fose maior, entón diriamos que a práctica comporta riscos adicionais, e se fose menor de dúas horas, que regula de maneira óptima o ritmo circadiano ao longo das estacións. Pero a diferenza comunicada equivale a dicir que a práctica do cambio de hora é globalmente neutra, deixando á marxe as propias transicións”.

Jorge Mira sinala que “en calquera caso, 2 horas ao ano, tomadas nun cómputo global, son 20 segundos por día de desfase, un 0,02 %; ademais, pola propia metodoloxía orixinal, que emprega valores absolutos, os desaxustes diarios prodúcense nun sentido e no contrario, e resulta difícil ver a priori que estas magnitudes poidan predicir aspectos globais da saúde, como sosteñen os autores”.

O erro de código comunicado agora sucede a outra corrección do mesmo traballo orixinal publicada en PNAS en abril de 2026. Jorge Mira sinala que “o erro que indicamos agora é moi rechamante: equivale a facer que a Terra xire ao revés e que o Sol saia antes polo oeste que polo leste”. Martín Olalla engade que “ninguén está libre deste tipo de fallo ao programar; a cuestión aquí é que semella que os autores non prestaron a debida atención aos resultados intermedios do proceso, cos que deberían ter advertido que estaba a suceder algo imposible”.

0.37657403945923