Fito y Fitipaldis actuará en Santiago e A Coruña no Aullidos Tour 2025-2026

Fito y Fitipaldis volven a Galicia cunha dobre cita que formará parte da súa nova xira “Aullidos Tour 2025-2026”. O grupo actuará o venres 28 de novembro no Coliseum da Coruña e o sábado 29 no pavillón multiusos Fontes do Sar de Santiago, un recinto no que xa actuaran noutras ocasións.
Estes dous concertos son parte das tres primeiras datas anunciadas dunha xira que comezará o 22 de novembro en Santander, no Palacio de Deportes. O “Aullidos Tour 2025-2026” servirá para presentar o novo álbum de Fito y Fitipaldis, titulado El monte de los aullidos, o oitavo traballo de estudo da carreira en solitario de Fito Cabrales tras a súa etapa con Platero y Tú.
As entradas para o concerto de Santiago sairán á venda o vindeiro martes 29 de abril ás 10:00 horas, con apertura da sala de espera ás 09:45 horas, e terán un prezo a partir de 53 euros.
Fito y Fitipaldis contan con 2,7 millóns de oíntes mensuais en Spotify e son un dos grandes referentes da escena rock en español, coa inconfundible voz de Fito Cabrales e a participación destacada do guitarrista Carlos Raya.