Francisco Dorado convértese no primeiro vencedor do Rallymix Concello de Guitiriz

A estrea da competición reuniu 86 participantes e repartiu 7.850 euros en premios nas distintas categorías
I-Rallymix-Concello-de-Guitiriz-Gran-Premio-Diputación-de-Lugo
21 Jun 2026

O Concello de Guitiriz converteuse durante toda a fin de semana no principal escenario do deporte do motor en Galicia coa celebración da primeira edición do Rallymix Concello de Guitiriz - Gran Premio Deputación de Lugo. A competición reuniu un total de 86 pilotos e pilotas no municipio chairego, que participaron nunha intensa fin de semana de competición na que se repartiron 7.850 euros en premios entre as distintas categorías.

A proba, organizada por Scratch Galicia e Scratch Fene coa colaboración do Concello de Guitiriz e o apoio da Deputación de Lugo, desenvolveuse nun ambiente marcado pola elevada participación e a presenza de numeroso público ao longo do percorrido, que seguiu de preto o espectáculo automobilístico.

Na clasificación xeral, Francisco Dorado, acompañado por Andrea Lamas como copilota e ao volante dun Skoda Fabia RS Rally2, proclamouse vencedor absoluto da competición, converténdose así no primeiro gañador da historia desta nova cita deportiva. O podio completouse con Alfonso Ventin, cun Yacar Yacarcross, na segunda posición, mentres que Antonio López, tamén cun Yacar Yacarcross, ocupou o terceiro posto.

Ademais da clasificación xeral, a organización premiou aos mellores participantes nas diferentes categorías especiais. No VII Trofeo Feminino Pub Zeus, Iría Iglesias, acompañada por David Ameneiro como copiloto e cun Citroën Saxo, acadou a primeira posición, seguida por Raquel Ruel, que competiu cun Kincar.

No I Trofeo Scratch Fene Cafetería Pub Titanic, a vitoria foi para Adrián Insua, acompañado por Eva María Canide como copilota e cun Ford Fiesta Mk2. A segunda posición correspondeu a Borja Ctovad cun Labase SX01.

Pola súa banda, no II Trofeo Pilotos Lucenses Carnicería Vitorio, Francisco Dorado e Andrea Lamas volveron subir ao máis alto do podio co Skoda Fabia RS Rally2. O segundo posto foi para Alberto Vázquez cun Yacar Yacarcross, mentres que Adrián Torreiro, acompañado por Cristina León como copilota nun Citroën Saxo, acadou a terceira posición.

No I Trofeo Júnior Guitiriz Racing Detailing, Cesar Domínguez conseguiu a primeira posición cun Yacar Yacarcross, seguido por Mario Rodríguez, tamén cun Yacar Yacarcross, e por Damián Mateo Abal, cun Kincar MT.

En canto ao I Trofeo Máster Café Pub SOA Bocatería, o primeiro posto foi para Iago Caamaño e José Alberto Rodríguez como copiloto cun Ford Fiesta R5. A segunda posición foi para Celestino Iglesias e Jorge Iglesias como copiloto cun Ford Fiesta N5, mentres que o terceiro posto correspondeu a Ismael Campo cun Kincar.

A entrega de premios desenvolveuse na Praza do Campo da Feira de Guitiriz e contou coa presenza da alcaldesa, Marisol Morandeira, así como do director de carreira, Édgar Vigo.

0.23028802871704