Francisco González Sío denuncia no Senado o medre da precariedade laboral e a exclusión sindical

Francisco González Sío, secretario confederal de Emprego da CIG, interveu esta mañá na Comisión de Traballo e Economía Social do Senado para analizar a situación do mercado laboral. Convidado polo BNG, González Sío defendeu a pluralidade sindical, criticou a insuficiente redución da xornada laboral, denunciou os efectos regresivos da reforma laboral de 2021, alertou sobre a institucionalización da pobreza laboral, e reclamou un Salario Mínimo Interprofesional (SMI) que cumpra coa Carta Social Europea.
Destacou que sindicatos como a CIG, maioritarios en Galiza e Euskadi, apostan por un modelo diferente ao da concertación social de CCOO e UGT. Criticou a redución da xornada proposta polo Goberno por "insuficiente" e "propagandística" e advertiu que todo o que non implique chegar ás 35 horas semanais será "un fracaso".
Sobre a reforma laboral de 2021, asegurou que perpetúa os recortes da do 2012 e favorece a precariedade mediante contratos fixos-discontinuos e a tempo parcial, reforzando ademais o papel das ETT e dificultando o acceso a prestacións. Subliñou que "ter traballo xa non garante uns ingresos dignos" e que a pobreza laboral afecta especialmente ás mulleres e á mocidade.
Reclamou un SMI que cumpra coa Carta Social Europea: segundo a CIG, debería ser de 19.522 € ao ano fronte aos 16.576 actuais. Tamén propuxo que os complementos salariais non sexan absorbibles e que se derrogue o IPREM.
Por último, denunciou a exclusión da CIG do diálogo social e da representación institucional, acusando ao Goberno de "segregacionismo" e de manter unha "obsesión uniformizadora" contra o sindicalismo nacionalista.