Francisco Millán Mon critica o veto á pesca de fondo e reclama á Comisión Europea unha revisión urxente do regulamento

O eurodeputado popular lamenta a sentenza do Tribunal da UE que avala a prohibición en 87 zonas do Atlántico e denuncia os prexuízos que sofre o sector palangreiro galego
Eurodiputado-Francisco-Millan-Mon-2025
11 Jun 2025

O eurodeputado do Partido Popular, Francisco Millán Mon, fixo públicas unhas declaracións nas que amosa a súa “profunda discrepancia” coa recente sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea que avala o Regulamento de Execución 2022/1614, polo que se prohibe a pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental.

“Lamento o fallo do Tribunal. Nunha primeira análise, debo dicir que non comparto as súas conclusións. O regulamento é desproporcionado, tanto na extensión das zonas prohibidas como na falta de distinción entre artes de pesca como o arrastre e o palangre, unha diferenza esencial”, apuntou Millán Mon.

O eurodeputado salientou que, aínda que o Tribunal considera que a norma se axusta ao dereito europeo, esta non está cumprindo o seu obxectivo. “A intención inicial da Comisión era protexer os ecosistemas mariños vulnerables fronte ao impacto do arrastre, pero o veto aféctalle sobre todo ao palangre, que opera a máis de 400 metros de profundidade, onde o arrastre apenas ten presenza”, explicou. “É un contrasentido que se castigue unha arte tan selectiva como o palangre, cun impacto mínimo no fondo mariño”, engadiu.

Millán Mon referiuse expresamente aos efectos negativos que está a sufrir o sector en Galicia. “Os palangreiros de Burela coñecen ben a eficacia deste arte e tamén os danos económicos que lles está causando esta prohibición”, afirmou. Lembrou ademais que a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, co apoio da Xunta de Galicia, recorreu esta norma ante o Tribunal Xeral da UE. Tamén o Goberno de España presentou recurso contra o regulamento impulsado polo comisario Virginijus Sinkevičius. Ambos foron desestimados.

Dado o fracaso xudicial, o eurodeputado galego urxe á Comisión Europea a revisar a normativa vixente. “Se xa non é posible avanzar pola vía legal —aínda que queda aberta a posibilidade de recurso—, é imprescindible modificar o regulamento de execución. E se fose necesario, tamén o regulamento de base”, advertiu Millán Mon. “Non se pode penalizar a quen non dana o medio mariño. Se o regulamento non cumpre o seu obxectivo, debe reformularse canto antes”, engadiu.

O eurodeputado denunciou ademais que os danos xa están feitos e que, en moitos casos, son irreversibles. “No porto de Celeiro, moitos palangreiros deixaron esta arte en favor da volanta, que é menos selectiva. O resultado práctico do regulamento é xusto o contrario do que pretendía a Comisión”, lamentou.

Desde o Partido Popular de Galicia tamén lembran que o BNG, que criticou o veto en Galicia, pertence en Bruxelas ao mesmo grupo parlamentario que o comisario de Pesca que promoveu a prohibición.

⚙ Configurar cookies
0.28636908531189