Friol presenta o programa das III Olimpíadas Rurais de Galicia que arrancará a próxima semana

A programación arrancará o venres coa gala inaugural das III Olimpíadas Rurais na Praza Andón Cebreiro, seguida das primeiras probas deportivas
olimpiadas-rurais-friol2
16 Jun 2026

O municipio de Friol volverá ser o gran epicentro do deporte tradicional e da convivencia no rural coa celebración das III Olimpíadas Rurais de Galicia, unha cita que reunirá centos de participantes e visitantes os días 26, 27 e 28 de xuño nunha fin de semana marcada pola competición, a música e a festa.

Tras o éxito das anteriores edicións, a localidade lucense acollerá unha vez máis este evento que busca reivindicar as tradicións, os xogos populares e a vida no rural a través dun amplo programa de actividades dirixidas a todas as idades. Durante tres días, Friol converterase nun gran escenario onde o espírito olímpico se mesturará coas costumes e os deportes tradicionais galegos.

A programación arrancará o venres coa gala inaugural das III Olimpíadas Rurais na Praza Andón Cebreiro, seguida das primeiras probas deportivas e dunha noite festiva amenizada polas actuacións musicais do grupo Louband e do DJ Cosme.

O sábado será unha das xornadas máis intensas do encontro. Tras un almorzo comunitario, os equipos participantes competirán en disciplinas inspiradas nos traballos e costumes do rural, como a cesta, os zancos ou as cintas, facendo un descanso coa sesión vermú, amenizada por Chispum.

Pola tarde continuarán as probas no campo de fútbol da Reigosa con modalidades como a billarda, a piola, a carreira de lazos, a carreira de sacos e a carretilla. A música volverá ser protagonista coa actuación da Banda da Balbina e o concerto de Los Alcántara precedidos de DJ Set.

A última xornada, o domingo, manterá o protagonismo do deporte tradicional con competicións como o lanzamento de adoquín, o tiro da corda, a comba ou a coñecida carreira da silla da raíña. O evento culminará coa entrega de premios e o peche oficial das olimpíadas, antes do concerto final do grupo La Indirigible.

As Olimpíadas Rurais de Galicia consolidáronse nos últimos anos como unha das grandes celebracións do deporte popular galego, converténdose nun escaparate das tradicións do rural e nun punto de encontro para persoas chegadas de diferentes puntos da comunidade. A organización agarda repetir o éxito de participación das edicións anteriores e reafirmar a Friol como sede de referencia dun evento que combina deporte, cultura popular e dinamización do territorio.

Durante toda a fin de semana, as distintas actividades desenvolveranse na Praza Andón Cebreiro, no Campo de Fútbol da Reigosa e no Complexo Fluvial, espazos que volverán ser o corazón dunha festa que reivindica con orgullo a identidade e os valores do rural galego.

PROGRAMA

0.35164308547974