Fronte Ampla chama á mobilización en Moaña: «Feijóo está nervioso porque sabe que vai perder»

Fronte Ampla celebrou un acto público en Moaña no que reuniu a Verónica Barbero, Paulo Carlos López, Gloria Alonso, Luis Baena e Sara de Matos para abordar os últimos días da campaña electoral e facer un chamamento á mobilización. A coalición puxo o acento na importancia das políticas dirixidas á clase traballadora e na necesidade de sumar apoios para dar continuidade a un goberno progresista.
Durante a súa intervención, Verónica Barbero centrou parte da súa mensaxe na historia industrial da comarca do Morrazo, convidando a coñecer o seu tecido produtivo a través dun percorrido por Moaña. A candidata reivindicou especialmente o protagonismo das mulleres na transformación económica da zona, lembrando o traballo das conserveiras, das mariscadoras e das mulleres carreiras de Meira. Tamén recuperou a memoria da creación do sindicato La Defensora por parte das traballadoras tras a chegada da II República, como exemplo da loita pola independencia económica e polos dereitos laborais das mulleres.
No ámbito do emprego, Barbero destacou os efectos da reforma laboral de 2021, que cualificou como «a primeira reforma pensada para a clase traballadora». Segundo sinalou, esta medida contribuíu ao incremento da ocupación en Galicia, especialmente entre as mulleres. A representante de Fronte Ampla defendeu que as políticas económicas deben estar orientadas a mellorar as condicións de vida da cidadanía e non unicamente aos resultados produtivos das empresas.
Nesa mesma liña, reclamou situar os coidados e o benestar no centro das decisións políticas, apostando por garantir máis tempo libre, salarios dignos e dereitos que permitan vivir mellor. «Facer política para a xente traballadora e para a súa vida, non para a súa produtividade» foi unha das ideas centrais da súa intervención.
Pola súa banda, Paulo Carlos López mostrouse convencido das posibilidades electorais da coalición e asegurou que «Feijóo está nervioso porque sabe que van perder». Para conseguir un novo goberno progresista, sinalou tres obxectivos: acadar unha participación popular de polo menos o 65 %, conseguir que Fronte Ampla alcance o 10 % dos votos en cada provincia e obter representación no Congreso e no Senado polas circunscricións da Coruña e Pontevedra.
López advertiu tamén de que os comicios supoñen unha decisión sobre o modelo democrático construído nas últimas catro décadas. Neste sentido, defendeu unha democracia plena, baseada na participación cidadá e na separación de poderes, así como o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado.
A vivenda foi outro dos asuntos abordados no encontro, no que se defendeu a necesidade de garantir «casas para vivir e non para especular». A coalición reclamou medidas de intervención no mercado residencial para facilitar o acceso á vivenda, especialmente entre a mocidade e as familias traballadoras, e evitar que este dereito quede sometido exclusivamente ás dinámicas do mercado.
Por último, Paulo Carlos López incidiu na importancia de que Fronte Ampla consiga representación institucional para reforzar as políticas sociais. Ao seu xuízo, Pedro Sánchez non pode sumar os apoios necesarios por si só, polo que considerou imprescindible contar cunha forza política que impulse medidas de maior alcance en materia social.