Fronte Ampla propón un modelo de Estado federal e plurinacional coa gratuidade da AP-9 como bandeira

A formación propón trasladar sedes institucionais como o Banco de España a Sevilla ou o Defensor del Pueblo a Vigo, dentro dunha proposta de reparto territorial de competencias e institucións
Fronte Ampla Sumar Galicia
7 Nov 2026

Fronte Ampla presentou este venres en Santiago de Compostela a súa proposta de modelo de Estado de cara ás vindeiras eleccións xerais, baixo o título ‘O modelo de Estado da Fronte Ampla: cara un Federalismo Plurinacional’. Ao acto acudiron a portavoz parlamentaria e candidata Verónica Barbero; o portavoz de campaña e candidato ao Senado Paulo Carlos López; a candidata ao Senado pola Coruña Rocío Núñez; o candidato ao Senado e secretario de Organización de Movimiento Sumar, Óscar Urralburu; e a deputada no Parlamento de Andalucía Esperanza Gómez.

O encontro, convocado con antelación, coincidiu finalmente co inicio da precampaña electoral. Durante a xornada, os representantes da formación insistiron na necesidade de ampliar as competencias dos territorios e de avanzar cara a un novo reparto competencial entre o Estado e as comunidades autónomas.

Neste contexto, valoraron de forma positiva a posibilidade de que Galicia asuma novas responsabilidades de xestión, ao tempo que criticaron o que consideran falta de vontade real do Partido Popular para ampliar o autogoberno galego durante os seus 16 anos á fronte da Xunta. Segundo defenderon, é con Sumar no Goberno de España cando se están a producir avances neste terreo, citando como exemplos a xestión de permisos de traballo —competencia do Ministerio dirixido por Yolanda Díaz—, a administración do dominio público marítimo-terrestre ou o traspaso de aeródromos.

Un dos anuncios centrais do acto foi o compromiso de Fronte Ampla de conseguir que a autopista AP-9 pase a ser galega e totalmente gratuíta. López foi claro ao respecto, afirmando que a súa intención é “nacionalizar a AP-9”, e subliñou que este obxectivo constitúe unha prioridade fundamental para Galicia.

O portavoz defendeu ademais que a descentralización política debe ir da man dunha descentralización institucional efectiva en todo o territorio do Estado. Como proposta concreta, formulou trasladar sedes institucionais fóra de Madrid, entre elas o Banco de España a Sevilla e o Defensor del Pueblo a Vigo. Neste sentido, sostivo que “un Estado en rede ten que distribuír todas as súas institucións ao longo de todo o territorio”, e sinalou que concentrar o voto progresista na Fronte Ampla é o camiño para facer posible este modelo.

Pola súa banda, Verónica Barbero puxo o acento na dimensión social do proxecto plurinacional. A portavoz defendeu que non é necesario elixir entre “un Estado que nega a nosa diversidade ou un mercado que nega os nosos dereitos”, e abogou por reformular o modelo de Estado cara a unha fórmula de carácter confederal. Barbero insistiu tamén na importancia de “poñer a riqueza en mans de quen a xera”.

0.40316295623779