FRUGA alerta de que os prezos e os custos ameazan a viabilidade das explotacións gandeiras galegas

A Federación Rural Galega (FRUGA) denunciou a situación que atravesan actualmente os sectores do leite e da carne de vacún en Galicia, advertindo de que a baixada dos prezos percibidos polos produtores, unida ao incremento dos custos de produción, está a poñer en risco a viabilidade de numerosas explotacións gandeiras.
Segundo sinala a organización, os gandeiros e gandeiras de leite galegos sufriron nas últimas renovacións contractuais reducións de entre 5 e 8 céntimos por litro de leite producido. No caso das explotacións de vacún de carne, a baixada dos prezos sitúase arredor dos 30 céntimos por quilo canal. FRUGA denuncia que estas rebaixas están a ser aplicadas de forma unilateral tanto polas industrias leiteiras encargadas da recollida do leite como polos matadoiros que adquiren os xatos.
A federación destaca que esta diminución dos ingresos coincide cun contexto de incremento dos custos dos insumos, especialmente dos carburantes e dos fertilizantes. Explica que o encarecemento do combustible repercute directamente tanto no gasto das explotacións como nos servizos contratados para tarefas habituais destas datas, como a recollida de forraxe, a sementeira do millo ou outros labores agrícolas. Do mesmo xeito, a suba dos fertilizantes químicos está a incrementar os custos de produción das granxas.
Desde FRUGA critican que, malia os reiterados anuncios realizados nos últimos anos tanto pola Xunta de Galicia como polo Goberno central, a Lei da Cadea Alimentaria non está a cumprir o seu obxectivo de impedir que os produtores vendan por baixo dos custos de produción. A organización considera que a normativa quedou nunha declaración de intencións "sen unha aplicación efectiva que permita evitar as perdas económicas que padecen os sectores gandeiros".
A federación reclama unha maior implicación da Consellería do Medio Rural e acusa ao departamento autonómico de permanecer alleo a unha problemática que afecta directamente á continuidade de moitas explotacións. Segundo sostén, a administración autonómica "nunca se preocupou de poñer en marcha medidas que favorecesen o establecemento duns prezos mínimos para as producións pecuarias" e limitouse a responsabilizar ao Goberno central dos problemas que afectan ao sector.
FRUGA lamenta ademais que a Consellería non convocase reunións cos distintos axentes implicados para abordar esta situación e buscar solucións conxuntas. A organización agraria considera que a viabilidade de numerosas explotacións está comprometida e advirte de que os produtores "non poden ser vítimas de políticas imperialistas que derivaron en aumentos considerables no prezo do petróleo".
Por todo iso, a Federación Rural Galega esixe á Xunta de Galicia que exerza as súas competencias para frear a perda de ingresos que están a sufrir as explotacións gandeiras do país. A entidade lembra que "os gandeiros e gandeiras non viven da propaganda institucional, senón dos ingresos da súa produción" e reclama unha administración "ao servizo das ganderías galegas", algo que, segundo denuncia, "a administración do PP non está a facer".